INVESTÍRONSE NEL 200.000 EUROS

Inaugúrase o viveiro industrial de Boiro

O Concello de Boiro e a Xunta de Galicia veñen de pór en marcha un viveiro industrial que dará oportunidades á mocidade da Barbanza para desenvolver unha idea industrial e xerar actividade económica na comarca.

Inaugúrase o viveiro industrial de Boiro
O conselleiro de Economía participou na inauguración do viveiro industrial de Boiro./L.POLO.
O conselleiro de Economía participou na inauguración do viveiro industrial de Boiro./L.POLO.

O viveiro contou cun investimento de 200.000 euros, dos cales máis de 140.000 foron achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da convocatoria de axudas para a creación deste tipo de espazos en parques empresariais de Galicia.

Durante a inauguración, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, sinalou que este viveiro é xa un centro de emprendemento que dará máis oportunidades á mocidade para desenvolver unha idea industrial, para xerar máis actividade económica no Barbanza, unha comarca que, segundo subliñou, é “dinámica e que destaca pola súa actividade industrial e polo seu enorme potencial”.

A partir de agora, estas instalacións ofrecerán espazos para alugar a pequenos empresarios que estean a iniciar o seu proxecto de empresa e salas para a realización de obradoiros profesionais. Será un edificio multidisciplinar onde se consolidarán novas empresas, ao tempo que servirá como un lugar para a captación de financiamento externo co que apoiar os proxectos máis innovadores. Segundo indicou o conselleiro, o obxectivo agora é acompañar estas novas ideas dos emprendedores de Boiro con iniciativas no eido da formación e asesoramento empresarial.

En 2016, cinco viveiros en toda Galicia

Na convocatoria para este ano das axudas para a posta en marcha de viveiros, a Consellería investirá 500.000 euros con apoios de ata o 80%. En 2016 este programa axudou a mobilizar máis de 700.000 euros nos cinco viveiros que foron beneficiarios destes apoios. Ademais do de Boiro, o instalado no parque industrial do Acevedo, en Cerceda; o de Sete Pías, en Cambados; e os de Outeiro de Rei e Friol, na provincia de Lugo.

Comentarios
Inaugúrase o viveiro industrial de Boiro