Segunda edición de I+P Incuba

O Clúster Audiovisual Galego selecciona seis proxectos para a súa incubadora

I+P, Incuba, a incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster Audiovisual Galego, vén de dar a coñecer os seis proxectos que participarán na súa segunda edición, que se presentarán no mes de decembro no pitching “I+P, Idea para Producir”.
O Clúster Audiovisual Galego selecciona seis proxectos para a súa incubadora
Logo I+P INCUBA 2022.
Logo I+P INCUBA 2022.

As longametraxes de ficción “Animales”, de Zeta Cinema, e “Villamiseria”, de Agallas Films; a longametraxe documental “Notas entre silencios”, de Ollovivo; a longametraxe de animación “Greta”, de Algarabía Animación, e as series de ficción “Los Doce”, de Volcano Films, e “Puma_Blue”, de Noelia M. Muíño, participarán nos vindeiros meses en I+P, Incuba, un programa de incubación e plataforma de pitching que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría.

Os seis proxectos finalistas foron elixidos por un comité integrado por Lidia Fraga, guionista e realizadora; Roberto J. Oltra, director, guionista e produtor, e Finocha Formoso, profesora na facultade de Ciencias da Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña.

Entre os proxectos participantes nesta segunda edición están dúas longametraxes de ficción, unha de animación e un documental, e dúas series de ficción. Cada proxecto recibirá unha dotación de 15.000 euros para completar a fase de desenvolvemento.

Ao igual que na pasada edición, os participantes no programa de incubación asistirán a sesións presenciais na Coruña e sesións online, que se celebrarán entre os próximos meses de setembro e novembro. Ao finalizar a incubación os seis proxectos presentaranse en decembro no pitching “I+P, Idea para Producir”.

Financiación europea

I+P, INCUBA é unha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego, que conta coa financiación do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura e Deporte, ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos fondos Next Generation da Unión Europea.

Esta actividade tamén está patrocinada pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, e conta co apoio do Igape e coa colaboración do Concello da Coruña.

O Clúster Audiovisual Galego selecciona seis proxectos para a súa incubadora