En 2023 abriranse os de A Mariña, Lugo central e Montaña lucense

Abre en Monforte o cuarto polo de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou este mércores o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Lugo Sur que quedará radicado en Monforte e dará servizo a nove concellos das comarcas de Chantada e Terra de Lemos.
Abre en Monforte o cuarto polo de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta
A conselleira María Jesús Lorenzana, na inauguración do polo de emprendemento de Monforte.
A conselleira María Jesús Lorenzana, na inauguración do polo de emprendemento de Monforte.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que o de Lugo Sur é o cuarto polo da rede, do que forman parte os de Ourense Centro e Sur (situado en Verín), Pontevedra Norte e Rías Baixas (en Silleda) e Costa da Morte (en Coristanco). “Hoxe damos un novo paso coa inauguración do Polo Lugo Sur, o primeiro da provincia de Lugo”, remarcou Lorenzana.

O polo Lugo Sur, localizado en Monforte, ofrecerá cobertura aos restantes oito concellos das comarcas de Chantada e Terra de Lemos: Carballedo, Chantada, Taboada, Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.

Tal e como describiu a conselleira, a rede de polos xurdiu para ofrecer un acompañamento continuado e ser un apoio para as persoas emprendedoras en cada unha das fases polas que vaian pasando, converténdose nunha rede de seguridade para todas aquelas persoas que se decantan polo emprego por conta propia.

Actualmente estes centros estratéxicos ofrecen asesoramento personalizado e permanente a 88 persoas beneficiarias, axudándoas a desenvolver 69 proxectos empresariais. Ata o momento xa se realizaron ademais 286 sesións de titorizacións coas emprendedoras e emprendedores. Os proxectos enmárcanse maioritariamente nos eidos das actividades artísticas, recreativas e de entretemento (19 %); na agricultura, gandería, silvicultura e pesca (17%) e no de industrias manufactureiras (17%).

A rede ampliarase o ano que ven e tal ata dispor dun total de 12 puntos en toda Galicia. Tal e como anunciou a conselleira contará con tres novos polos na provincia lucense, situados nas zonas da Mariña, Lugo Central e Montaña Lucense.

Presentación de tres proxectos empresariais

O acto de inauguración tivo como protagonistas tres proxectos empresariais alumeados na zona de Lemos con “forte arraigo co territorio do que forman parte”, subliñou Lorenzana. Tratouse da firma de galletas mariñeiras Daveiga, que a través da fórmula da economía social leva 16 anos traballando desde e para Chantada; da idea empresarial BarVANtia, que xira arredor do Camiño de Santiago e dun terceiro proxecto de carácter artesanal que, como dixo a conselleira, materializan “as innumerables oportunidades de negocio que ofrece Galicia”.

No acto estiveron presentes os alcaldes de Monforte de Lemos, Carballedo, Chantada, Taboada, Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Sober.  

Abre en Monforte o cuarto polo de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta