Intera, AYeconomics e DIMElab

A USC xera tres novas spin-offs

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres tres Empresas de Base Tecnolóxica (EBT) creadas a partir de resultados de investigación xerados na USC: Intera, AYeconomics e DIMElab.

A USC xera tres novas spin-offs
Presentación das tres novas empresas de base tecnolóxica.
Presentación das tres novas empresas de base tecnolóxica.

Estas iniciativas caracterízanse por basear a súa actividade na aplicación de novos descubrimentos científicos ou tecnolóxicos para a xeración, neste caso, de novos servizos relacionados coa medición do gas radón (Intera), coa recomendación de políticas en temas socioeconómicos (AYeconomics) e co asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía (DIMElab).

A Universidade de Santiago presentounas este venres no Edificio Emprendia –que será a sede física de AYEconomics e DimeLab e a virtual de Intera– nun acto no que participaron o reitor Juan Viaño, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey, e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.

“Dende a Área de Valorización, Transferencia e Tecnoloxía e dende UNINOVA apoiamos estas tres iniciativas empresariais, que incorporan a doutores formados nos grupos da nosa universidade e que en definitiva van reter talento, xerar negocio e contribuír á mellora da nosa calidade de vida, cun futuro certamente prometedor”, dixo o reitor no acto.

Intera

Intera (Innovaciones Tecnológicas del Radón) nace coa vocación de ofrecer solucións de medición e mitigación de gas radon en edificacións tanto de uso residencial como público. A empresa é o resultado da alianza do Radonlab (Servizo de medida e mitigación de gas radon da USC) no que traballan investigadores do Laboratorio de Análise de Radiacións (LAR) e a empresa de enxeñaría da construción Inous para ofrecer solucións globais á concentración do gas radon no interior dos edificios.

Así, tras a experiencia de varias colaboracións con Inous xurdiu o proxecto para ofrecer servizos integrais que van desde o asesoramento e execución de medidas preventivas á medición, deseño e implementación de solucións ou a formación e consultaría.

AYeconomics

AYeconomics está especializada en investigación de calidade e recomendación de políticas en temas socioeconómicos. A empresa conta con metodoloxías innovadoras que permiten xerar información valiosa, cunha menor demanda de datos externos, para realizar as posteriores simulacións de política económica. Isto é especialmente importante para contornas onde o acceso ás variables socioeconómicas ou demográficas é realmente complexo.

Por iso, ademais do galego, ten como obxectivo o mercado de Asia Central co que xa ten un acordo Banco Central de Tajikistan para desenvolver un proxecto de deseño de políticas que incrementen o emprego feminino no rural. Tamén recentemente, en cooperación con universidades de Kazakhstan participa nun proxecto para analizar a saúde na infancia e os seus efectos no desenvolvemento posterior do individuo na educación e o mercado de traballo.

DIMElab

Pola súa banda, DIMElab –resultado do traballo do grupo de investigación da USC Stellae- ofrece servizos de asesoramento pedagóxico a institucións educativas e empresas de tecnoloxía e desenvolve todo tipo de recursos didácticos, entre os que se inclúen os denominados serious games (xogos serios para educación e formación).

DIMElab tamén destaca pola realización de probas, análises e testados de produtos didácticos, para tentar garantir que os materiais deseñados para a educación sigan certos estándares de calidade pedagóxica.

A USC xera tres novas spin-offs