Programa "Depoemprende na ESO e na FP"
500 estudantes pontevedreses coñecen as potencialidades do sector agroforestal como saída profesional
A Deputación de Pontevedra vén de organizar en oito centros educativos da provincia charlas formativas destinadas a promocionar o sector agroforestal e a explicar as potencialidades que pode ter este sector como oportunidade laboral.
![Estudantes pontevedreses nunha das charlas de "Aposta ao verde".](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/economiaengalicia/images/2017/12/07/2017120714180813544.jpg)
En total, participaron nestas accións formativas máis de 500 estudantes de centros educativos dos concellos de Cangas (IES Rodeira), As Neves (EFA Cancela), Pontevedra (IES Luis Seoane e CFEA Lourizán), Silleda (IES Pintor Colmeiro) e Vigo (IES A Guía, IES Ricardo Mella e IES Daniel Castelao) que están a participar nos programas de “Depoemprende na ESO e na FP”.
“Aposta ao verde”, enmarcado no proxecto de fomento da cultura emprendedora “Depoemprende na ESO e na FP”, impulsado pola Deputación de Pontevedra, serviu como unha acción de difusión e divulgación do sector agroforestal como motor económico para o desenvolvemento dun medio rural sustentable na provincia. Así, o alumnado puido coñecer a situación actual do sector agroforestal da comarca na que se atopa o centro educativo no que estudan e as potencialidades do sector en termos económicos e de emprego. Amais, tamén puideron coñecer, de primeira man, “plans de viabilidade tipo” para os diferentes tipos de actividade, analizando exemplos concretos o máis próximos posibles de casos reais de profesionais que viven hoxe en día desta actividade.