Ata 2020

A Xunta presidirá o Comité Directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal de impulso ao emprego

Galicia presidirá ata 2020 o Comité Directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal co que se busca impulsar o emprego da Eurorrexión contribuíndo ao desenvolvemento dun mercado de traballo aberto e accesible.

A Xunta presidirá o Comité Directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal de impulso ao emprego
Xuntanza do comité directivo do Servizo Eures, en Valença.
Xuntanza do comité directivo do Servizo Eures, en Valença.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presidiu en Valença a xuntanza do comité directivo na que se abordou o plan de actividades 2017.

Marnotes explicou que este servizo, entre outras vantaxes, favorece o intercambio de ofertas e demandas de emprego entre os traballadores da rexión transfronteiriza e salientou a importancia de incrementar a cooperación e labor que xa se está realizar entre as oficinas de emprego da Eurorrexión para aumentar as oportunidades laborais das persoas sen emprego.

Entre as actuacións que desenvolve o Servizo Eures están o intercambio de información sobre o mercado laboral de cada zona como é sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe ou sobre as condicións de vida e de traballo e as oportunidades para a adquisición de competencias.

O responsable de Orientación resaltou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, traballa tamén na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG)  para que sexa máis próximo as persoas usuarias, sexan demandantes de emprego, ou sexan empresas que buscan un traballador, e na elaboración dun plan de actuación para que os 485 orientadores laborais que hai en Galicia  funcionen en rede, cun mesmo “modelo de servizo”.

Neste último ámbito, sinalou a importancia de desenvolver un novo modelo de orientación laboral aberta para personalizar e reforzar estes servizos apostando por un sistema de xestión de calidade e mellora continua e coa creación dun novo portal, máis orientado aos servizos.

En definitiva, do que se trata, segundo sinalou Marnotes, é “de seguir traballando para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e avanzar nos obxectivos que compartimos entre Galicia e o Norte de Portugal”. “A meta do Goberno galego é mellorar o funcionamento do mercado laboral transfronteirizo para ofrecer novas e mellores oportunidades aos nosos traballadores”.

A Xunta presidirá o Comité Directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal de impulso ao emprego