Danse de marxe ata mediados de mes para chegar a un acordo

Os sindicatos do Metal da Coruña aceptan a mediación do AGA pero non paralizarán as mobilizacións

As federacións do Metal da CIG, CCOO e UGT acordaron este luns aceptar a mediación do AGA (Consello Galego de Relacións Laborais) solicitada por parte da patronal do sector da provincia da Coruña, aínda que precisaron que non paralizarán as súas mobilizacións. 

Os sindicatos do Metal da Coruña aceptan a mediación do AGA pero non paralizarán as mobilizacións

Neste sentido, o portavoz dos traballadores na mesa de negociación e responsable de CIG-Industria, Pepe Maio, asegura que “estamos dispostos a sentarnos no Consello Galego de Relacións Laborais, como estivemos dispostos até o de agora a participar en calquera reunión á que se nos convocou e como lle temos trasladado recentemente a patronal, porque queremos que a mesa de negociación do convenio continúe cos seus traballos e haxa avances reais”.

Con todo, os representantes sindiciais acordaron fixar unha data tope de duración desa mediación que iría até mediados de xuño. Deste xeito, se a día 14 deste mes non se acadara un acordo rexistrarían a convocatoria de folga en todo o sector na provincia da Coruña, prevista para a terceira e cuarta semana de xuño. 

En todo caso, Maio matiza que “ao que non estamos dispostos é a que se utilice o AGA para neutralizar a nosa capacidade de presión por parte dunha patronal que até o de agora non mostrou disposición algunha a chegar a acordos”. A isto engade que, a patronal “é sabedora de que tras meses agardando pola sinatura do novo convenio e por mor do seu bloqueo constante, tiñamos acordado endurecer as mobilizacións e moito nos tememos que esta chamada xusto agora teña o obxectivo de paralizalas”.

Demandas dos traballadores

Para as organizacións sindicais é fundamental acadar no novo convenio colectivo do sector "vellas reivindicacións como establecer a subrogación para os traballadores de contratas, regular as gardas localizadas fóra de xornada, recuperar a revisión salarial, mellorar as licencias retribuídas, limitar a utilización das ETTs, así como un incremento salarial co que recuperar poder adquisitivo". O convenio do sector do Metal da provincia da Coruña leva caducado desde decembro de 2014

Os sindicatos do Metal da Coruña aceptan a mediación do AGA pero non paralizarán as mobilizacións