Informe sobre a fenda salarial de UGT Galicia

O salario medio anual das mulleres galegas é un 22% inferior ao dos homes, máis de 5.000 euros de diferenza

Con motivo da celebración este 22 de febreiro do Día pola igualdade salarial, UGT-Galicia vén de publicar un informe no que se constata a persistencia da fenda salarial entre mulleres e homes. 

O salario medio anual das mulleres galegas é un 22% inferior ao dos homes, máis de 5.000 euros de diferenza
El plan facilitará alrededor de 200 contrataciones de mujeres.
Por sectores, a fenda salarial é maior nos que hai maior presenza feminina, exceptuando o da educación.

O estudo recolle que as mulleres galegas perciben un salario medio anual inferior nun 21,98% o dos homes, o que supón que para percibir o mesmo salario terían que traballar 71 días máis ao ano. 

Ademais, esta situación, lonxe de corrixirse, agudízase. De feito, a fenda en Galicia é 0,17 puntos superior á do ano 2010. No contexto de aparente recuperación económica, as mulleres volven saír prexudicadas, recaendo sobre elas en maior medida a precariedade xeneralizada do mercado laboral.

Deste xeito, a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres foi en termos absolutos no 2015 (último dato dispoñible na Enquisa anual de estrutura salarial) de 5.096,50 euros. A realidade é abafadora, as mulleres galegas perciben no 2015 un salario medio similar ao que percibían os homes no 2005.

Se se atende á ganancia media por hora traballada, segundo os datos do INE do ano 2015, as mulleres perciben unha retribución un 14,2% inferior á dos homes. Só teñen por detrás ás canarias, murcianas e estremeñas.

A quinta autonomía co salario medio anual feminino máis baixo

Segundo as comunidades autónomas, o salario medio anual das mulleres galegas é un 9,8% inferior ás do conxunto do Estado. Galicia é a quinta autonomía onde o salario medio anual das mulleres é máis baixo. Os ingresos medios das galegas, 18.093,26 euros, foron 1.958,32 euros inferiores á media estatal. Destacan as diferenzas coas mulleres do País Vasco, que son dun 23,1%, ou coas madrileñas, dun 22,9%.

Á vista da realidade analizada, os complementos salariais son unha das claves que explican a diferenza salarial entre homes e mulleres. De feito, o peso que teñen os complementos no caso do salario bruto anual dos homes é de 762,66 euros máis que o das mulleres, o que supón unha brecha do 27,8%.

Outro indicador que evidencia a diferenza salarial entre homes e mulleres, é que dúas de cada tres persoas que perciben salarios por debaixo do SMI son mulleres, o 69,37%.

Peor situación no sector privado que no público

Por sectores, a fenda salarial é maior nos que hai maior presenza feminina, exceptuando o da educación, onde é do 9,34%. En sectores de actividades administrativas e servizos sociais a brecha é dun 33,99%; no de outros servizos, dun 33,73%; actividades inmobiliarias, cun 32,73%; ou de actividades sanitarias e de servizos sociais, cunha brecha dun 27,23%. En sectores nos que a presenza da muller é menor, como a industria, a diferenza de salarios a é dun 28,09%. No sector servizos, a fenda en Galicia é dun 20,97%.

Se a comparativa se fai entre o privado e o público, as diferenzas son abismais. No público a fenda é dun 5,9%, fronte ao 26,8% das empresas privadas.

Diferenzas por nivel de estudos

Por nivel de estudos, o informe de UGT-Galicia observa que unha muller non percibe un salario superior aos 18.400 euros ata ter unha diplomatura universitaria ou similar. Os homes xa perciben esta cantidade, de media, con estudos primarios. A brecha salarial supera o 25% en todos os niveis de estudos, excepto no caso de ter unha licenciatura, doutoramento ou similar, onde é dun 18,9 por cento, cunha diferenza de 6.553,11 euros ao ano.

Urxen unha Lei de igualdade salarial

Por todo isto, UGT-Galicia esixe a aprobación dunha Lei de igualdade salarial, que inclúa o concepto de “traballo de igual valor” e que ademais recolla sancións exemplarizantes para que a igualdade salarial entre mulleres e homes sexa un feito. Todo iso, para alcanzar o cumprimento do Tratado da Unión Europea, da Constitución Española e do Estatuto dos Traballadores.

Á vista da realidade que describe o informe, UGT-Galicia reitera o seu chamamento á cidadanía galega a participar nas mobilizacións e secundar a folga de dúas horas por quenda do 8 de marzo contra a violencia machista, a fenda salarial e a precariedade laboral das mulleres.

O salario medio anual das mulleres galegas é un 22% inferior ao dos homes, máis de 5.000 euros de diferenza