Os cursos impártense a través do Campus Eusumo

A Rede Eusumo oferta catro novas formacións para emprendedores interesados na economía social

A Rede Eusumo lanza novas formacións gratuítas para todas as persoas emprendedoras que queiran ampliar os seus coñecementos no eído da economía social. Trártase de catro cursos dispoñibles no Campus Eusumo centrados en contabilidade, na internacionalización, no coaching e na responsabilidade social empresarial.

A Rede Eusumo oferta catro novas formacións para emprendedores interesados na economía social

O primeiro curso do Campus  Eusumo versará sobre contabilidade básica para entidades de economía social. Iniciarase o 17 de outubro e finalizará o día 31 do mesmo mes. Fará un repaso dos conceptos e os instrumentos clave da contabilidade e as finanzas co obxectivo final de que  as persoas que o cursen melloren a xestión da súa empresa.

A segunda formación, sobre procesos de internacionalización para entidades de economía social, levarase a cabo entre o 2 e o 16 de novembro. Neste caso, os contidos estarán orientados a dar a coñecer os conceptos básicos, a importancia do plan de internacionalización, a adaptación do produto a un novo mercado e a xestión operativapara realizar a exportación.

En terceiro lugar, entre o 14 e o 28 de novembro, impartirase un curso sobre o coaching como oportunidade para emprender, que busca que as persoas interesadas en emprender e crear unha entidade de economía social sexan quen de sacar o mellor partido aos recursos cos que contan e de analizar a súa idea de negocio desde diferentes perspectivas para conseguir os seus obxectivos.

Por último, desde o 28 de novembro ata o 12 de decembro, lanzarase unha formación sobre a responsabilidade social empresarial (RSE) nas entidades de economía social, centrado en dar a coñecer o concepto e todas as súas dimensións, así como a metodoloxía e as ferramentas para analizar e avaliar as diferentes alternativas á hora de incorporar ou manter a RSE no modelo de negocio das entidades de economía social.

Como asistir aos cursos

Todas as persoas que teñan interese en formarse precisan crear unha conta no Campus Eusumo e matricularse en calquera dos cursos dispoñibles. Deste xeito, poderán ampliar os seus coñecementos e adquirir novas competencias, tanto para iniciarse no emprendemento como para mellorar a xestión dunha entidade xa formada. Ademais, desde a páxina web tamén se pode acceder a todas as formacións que realizan as entidades socias da Rede Eusumo ao longo da Comunidade autónoma.

Só o ano pasado, a Rede Eusumo formou un total de 1.317 persoas, das cales case o 70% foron mulleres. Así mesmo, titorizou máis de 230 persoas para que consolidasen os seus proxectos.

A Rede Eusumo oferta catro novas formacións para emprendedores interesados na economía social