A previsión é alcanzar o 60% para o remate do programa no mes de novembro

O programa integrado de emprego da AAET supera o obxectivo de inserción do 45%

A 31 de agosto, un 47% das persoas participantes no Programa Integrado de Emprego 2021/22 da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) obtivera un traballo estable, principalmente nos sectores de atención á clientela, loxística e postos de operario.
O programa integrado de emprego da AAET supera o obxectivo de inserción do 45%
Área Empresarial del Tambre, en Santiago de Compostela.
Área Empresarial do Tambre, en Santiago de Compostela.

O Programa Integrado de Emprego 2021/22 da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) atópase xa no seu último trimestre de execución. O programa está financiado pola Xunta de Galicia con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, a través do servizo de Programas Mixtos da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Nesta edición, a Asociación traballou con 100 participantes, mozos e mozas menores de 30 anos con baixo nivel de estudos e mulleres desempregadas con diferentes niveis formativos. A datos pechados a finais de agosto, o programa superou o obxectivo con máis de 45 insercións efectivas, é dicir, case a metade doss participantes traballaron un período de 90 días durante o transcurso do programa. “Este ano cumprimos o obxectivo tres meses antes que na anterior edición", sinalan desde o departamento de Orientación e Prospección para o Emprego da AAET.

O programa finalizará o vindeiro 21 de novembro e a previsión é que para esta data máis de 60 persoas participantes sexan insercións efectivas, o que supón un 33% máis con respecto ao obxectivo comprometido coa Xunta de Galicia.

A asociación tamén destaca que 80 das 100 persoas participantes tiveron oportunidade laboral a día de hoxe, con alta na Seguridade Social. Xestionáronse máis de 200 contratos de traballo, na súa maioría indefinidos ou fixos-discontinuos. Os sectores con máis insercións foron atención á clientela, loxística e almacén, persoal operario, hostalería e administración.

Os resultados obtidos veñen derivados dun traballo personalizado con cada participante nas sesións individuais de orientación, onde se ofrece acompañamento, adestramento de habilidades sociolaborais, preparación para procesos selectivos, sesións de coaching, envío diario de ofertas, etc. En total, leváronse a cabo 330 accións de carácter individual e xestionáronse 120 ofertas privadas de empresas da Área Empresarial do Tambre.


Cursos de formación e prácticas profesionais

O programa, que comezou en novembro de 2021, contou tamén cunha dimensión formativa. Realizáronse tres itinerarios formativos nos sectores do almacenaxe, atención á clientela e limpeza, ademais doutra formación complementaria enfocada na adquisición de habilidades sociolaborais e outras competencias básicas para desenvolverse no mercado de traballo actual.

Impartíronse un total de 23 accións formativas do catálogo do Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE), tanto en modalidade presencial como en teleformación, que sumaron as 610 horas, ademais de outras accións formativas que en conxunto suman case un total de 1.000 horas de formación impartida.

Outra cuestión que se traballa no programa é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna para que os participantes adquiran habilidades e hábitos de traballo. Nesta edición, xestionáronse prácticas para 20 persoas asociadas á formación de almacenaxe, atención ao cliente e limpeza, das cales xurdiron diversas oportunidades laborais.

Comentarios
O programa integrado de emprego da AAET supera o obxectivo de inserción do 45%