Estará aberto ata o mes de novembro

O Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre acada un 60% de inserción laboral

O  Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre, destinado a menores de 30 anos e mulleres desempregadas, conseguiu a incorporación do 60% dos seus participantes ao mercado laboral.

O Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre acada un 60% de inserción laboral
Participantes no Programa Integrado de Emprego 2022/2023 da Asociación Área Empresarial do Tambre.
Participantes no Programa Integrado de Emprego 2022/2023 da Asociación Área Empresarial do Tambre.

Os datos a finais de agosto mostran que actualmente están traballando un 60% do cento de persoas participantes no Programa Integrado de Emprego 2022/2023 da Asociación Área Empresarial do Tambre, sendo un 48% as persoas que cumpren, a día de hoxe, cos requisitos esixidos na orde da convocatoria, considerándose insercións efectivas, e superando o compromiso de contratación coa Xunta do 45%.

Esta iniciativa, que comezou no mes de xaneiro e que se desenvolverá ata novembro, está financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal.

Durante estes meses impartíronse 500 horas de formación abarcando cursos do catálogo do SEPE, tanto en formato presencial como a través de teleformación. Os programas de formación centráronse en itinerarios relacionados con almacenaxe/loxística, comercio/atención ao cliente e limpeza.

Por outra banda, tamén se realizaron máis de 700 horas de prácticas non laborais en diversas empresas e sectores, o que supón para os participantes unha experiencia relevante á hora da busca activa de emprego. En total, xestionáronse 186 ofertas privadas, moitas delas de empresas da propia asociación empresarial santiaguesa, aínda que tamén de empresas externas da contorna.

Desde a asociación sinalan que o éxito alcanzado no Programa Integrado de Emprego 2022/2023 é exemplo do “compromiso e colaboración de todas as persoas involucradas”, desde os participantes, ás técnicas do programa, así como as empresas contratantes e as que posibilitaron a realización de prácticas non laborais.

O Programa Integrado de Emprego da Asociación Área Empresarial do Tambre acada un 60% de inserción laboral