Xornada de folga na empresa porriñesa

O persoal de Maderas Iglesias defende os seus postos de traballo cunha marcha ata a Xunta en Vigo

O cadro de persoal de Maderas Iglesias, realizou unha marcha desde as instalacións da empresa no Porriño ata a sede da Xunta en Vigo para reclamar medidas que garantan a continuidade da compañía e o mantemento dos postos de traballo. 

O persoal de Maderas Iglesias defende os seus postos de traballo cunha marcha ata a Xunta en Vigo
Traballadores de Maderas Iglesias, concentrados diante da Delegación da Xunta en Vigo./CIG.
Traballadores de Maderas Iglesias, concentrados diante da Delegación da Xunta en Vigo./CIG.

A fábrica situada na estrada de Atios a Pontellas, a única das tres que conta con actividade, estivo paralizada durante toda o día como consecuencia da xornada de folga convocada polo comité de empresa para facilitar a participación dos traballadore na mobilización. Na camiñada participaron arredor de 200 persoas, que corearon consignas como “Queremos traballar, pero tamén cobrar”, “Maderas Iglesias solución”, “Traballo digno na nosa terra” ou “Queremos traballar e non emigrar”.

Ao remate da protesta, o presidente do comité, Vicente Molares, da CIG, tomou a palabra para agradecer a presenza tanto dos traballadores como das súas familias e dos representantes políticos que se solidarizaron coa loita que manteñen en defensa dos seus postos de traballo.

Molares anunciou que este venres 23 manterán unha nova xuntanza co Igape e coa dirección da empresa en Santiago a partir das 12:30 horas para intentar chegar a un acordo que permita salvar o emprego de 250 traballadores e que garanta a supervivencia dunha das empresas máis importantes do sur da provincia de Pontevedra.

O persoal de Maderas Iglesias defende os seus postos de traballo cunha marcha ata a Xunta en Vigo