VALORACIÓNS DE XUNTA, UGT-GALICIA E CIG

O covid-19 racha coa tendencia de contración do desemprego na nosa Comunidade

Desde a Xunta de Galicia valoran que a pandemia do coronavirus alterou a evolución positiva do desemprego na nosa Comunidade, mentres que os sindicatos cren que os datos do SEPE non reflicten o impacto total que a crise do covid-19 está a ter no mercado laboral galego.
O covid-19 racha coa tendencia de contración do desemprego na nosa Comunidade
Oficina dos Servizos Públicos de Emprego.
Oficina dos Servizos Públicos de Emprego.

Na valoración dos datos do paro, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou que as series positivas que o paro rexistrado viña rexistrando en Galicia desde 2013 vense alteradas polas consecuencias que a crise sanitaria do covid-19 está tendo na economía e no emprego.

Porén, o conselleiro valora que o nivel de desemprego é moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en marzo de 2009 había 211.484 parados fronte aos 174.481 actuais. A Comunidade, ademais, é a que rexistra un mellor comportamento a nivel estatal na variación interanual, ao ser a rexión na que menos sobe o paro en termos relativos, un 2,13% fronte ao 9,01% da media española. Galicia foi capaz de amortecer o máximo posible o impacto do coronavirus, xa que a pesar da suba, trátase do menor aumento interanual –tanto relativo como absoluto– nun mes de marzo comparado cos incrementos rexistrados nos anos máis duros da crise económica.

En canto ás afiliacións, o conselleiro salienta que aínda que Galicia rexistra un lixeiro descenso do -0,18% (1.781 cotizantes menos no último ano), a Comunidade mantense por riba do millón de afiliados (suma xa 13 meses consecutivos). A baixada na media do Estado sitúase no -0,19%.

“Nun contexto de enorme dificultade económica e social Galicia ten demostrado que as súas políticas en materia económica e industrial e a estabilidade política e institucional da Comunidade permítenlle ter un comportamento mellor que o conxunto do país, o que nos permite afrontar de mellor forma este impacto”, asegura Conde.

No que respecta á evolución mensual, Conde indicou que o desemprego aumenta un 4,96% con respecto a febreiro –sumando un total de 8252 desempregados máis–, pero é a Comunidade na que menos sobe en termos relativos (detrás de Madrid e Cantabria). Este aumento concéntrase no sector servizos, con catro de cada cinco novos parados.

UGT Galicia

Os datos ofrecidos polo Servizo Público de Emprego amosan a irrupción da pandemia do coronavirus no mercado de traballo. A xuízo de UGT-Galicia, as cifras reflicten a finalización dos contratos temporais e o emprego perdido por despedimentos, individuais ou colectivos, “o que constata que moitos empresarios optaron por axustar os cadros de persoal do xeito máis lesivo, en lugar de utilizar outros elementos de flexibilidade e en concreto os expedientes de regulación de emprego temporal”.

UGT-Galicia lembra que as medidas aprobadas, “que supoñen un alivio para algúns dos colectivos vulnerables, responden ás actuacións reclamadas polas organizacións sindicais e que é necesario ir máis aló e seguir avanzando dende o marco do Diálogo Social, para non deixar a ninguén atrás”. UGT reclama unha renda suficiente neste período para os que carezan de emprego, prestación ou calquera tipo de renda de subsistencia.

En canto aos datos concretos, desde o sindicato recoñecen que “resulta difícil facer comparacións porque estase ante unha situación excepcional”, pero si é certo que reflicten “un mercado de traballo fráxil”. As estatísticas indican que hai un aumento das cifras do desemprego superior ao 4% en todas as provincias. 69.405 persoas desempregadas na de Coruña, co 4,34%. Aumento do 4,84% en Lugo con 17.053 persoas desempregadas, aumentos máis elevados, do 5,03% en Ourense, con 19.322 persoas desempregadas e a máis afectada, a de Pontevedra con 68.701 persoas no paro, o 5,61%, e en todas elas rachándose tamén a tendencia de contracción de desemprego interanual.

CIG

Desde a CIG resaltan que a afiliación á Seguridade Social caeu en Galicia no mes de marzo en preto de 10.000 persoas, pasando das 112.353 de febreiro, ás 102. 623 de marzo. Parello a isto, o paro rexistrado incrementouse un 4,96%, co que hai un total de 174.861 persoas desempregadas, 8.632 máis que no mes de febreiro. Porén, estes datos non inclúen ás 145.656 persoas atinxidas polos 27.797 ERTEs que estaban presentados na nosa Comunidade a data de 31 de marzo, segundo datos proporcionados polo Consello Galego de Relacións Laborais.

Por iso a CIG considera que os datos proporcionados polo SEPE “non dan a medida real da grave situación na que nos atopamos” e confirman que houbo despedimentos masivos de traballadores con contratos temporais.

Nese sentido, o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, subliña que “nos atopamos cun panorama onde moita xente está consumindo o seu desemprego sen visos de recuperalo, minguando así os seus ingresos. Outros traballadores e traballadoras están en ERTES, cedendo parte do seu salario e as/os máis precarias/os están sen ingresos, no mellor dos casos agardando por unha prestación que non chegará até maio”.

Ao seu entender esta situación vén provocada pola “insuficiencia e a tardanza nas medidas adoptadas polo Goberno do Estado xunto coa pasividade da Xunta que condenan a gran número de traballadores/as ao desemprego”.

Comentarios
O covid-19 racha coa tendencia de contración do desemprego na nosa Comunidade