Leva executando as actividades integrantes do Pacto desde o ano 2006

A Cámara adhírese ao V Pacto Local Polo Emprego da Cidade de Santiago

A presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais, participou, este mércores no Pazo de Raxoi e xunto ás principais organización sindicais e empresariais do territorio, na sinatura do V Pacto Local Polo Emprego da Cidade de Santiago 2024-2027.

A Cámara adhírese ao V Pacto Local Polo Emprego da Cidade de Santiago
Acto de sinatura do V Pacto polo Emprego da Cidade de Santiago.
Acto de sinatura do V Pacto Local Polo Emprego da Cidade de Santiago 2024-2027.

Na sinatura tamén estiveron presentes Xan Duro Fernandez, concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais; Pilar Murias Fernández, vicerreitora de Estudantes e Cultura; José Fernández Alborés, presidente Asociación da Área Empresarial do Tambre; Sara Santos Ferreiro, presidenta da Asociación Hostalería Compostela; Lois Alberte Lopes García, presidente da Asociación Hostalería.gal; Joaquín García Gutiérrez, secretario Xeral de CCOO Santiago – Barbanza; Marisa Rodríguez Vázquez, secretaria Xeral da UGT Compostela – Barbanza e Miguel Fernández Blanco, presidente da Asociación Plataforma polo Emprego.

O obxectivo do documento é lograr un mercado de traballo que ofreza oportunidades laborais para todos e todas, con políticas activas de emprego que se anticipen aos retos do futuro do traballo e que permitan implantar unha actividade económica produtiva e sostible.

Para iso, o documento recolle 78 Metas vinculadas a 17 Obxectivos Estratéxicos articulados en 4 liñas estratéxicas: apoiar ás persoas para o emprego, impulsar o desenvolvemento económico e o emprego, transición do modelo produtivo cara a sostibilidade, o emprego e o ben común, e fortalecer o traballo en Rede de Axentes e colaboración público – privada. Establécense ademais 6 principios transversais ao conxunto das actuacións realizadas no marco do Pacto Local polo Emprego.

María Pais valorou moi positivamente a iniciativa e sinalou que “mellorar os niveis de emprego e a súa calidade e estabilidade, especialmente dos colectivos con maiores problemas de inserción; desenvolver medidas de apoio ao emprendemento e o emprego autónomo; favorecer a captación e retención do talento; conectar o coñecemento xerado no eido universitario co mundo empresarial e, proporcionar un contexto favorable para o asentamento de novas empresas, potenciando a industrialización da Cidade, son retos ineludibles para a mellora da competitividade do noso tecido produtivo, e por ende, da nosa economía”.

Pola súa banda, Xan Duro, destacou o impulso ao Biopolo da Sionlla, no que a Cámara participa, como unha das actuacións preferentes deste novo período, sinalándoo ao mesmo tempo como un exemplo de colaboración público-privada.

A Cámara adhírese ao V Pacto Local Polo Emprego da Cidade de Santiago