Convenio de colaboración

Alumnado da USC poderá realizar prácticas en empresas da Asociación Área Empresarial do Tambre

A Asociación Área Empresarial do Tambre e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) veñen de asinar un convenio de colaboración educativa para a realización de prácticas académicas externas, curriculares ou extracurriculares, do alumnado de todas as titulacións oficiais de Grao e Máster universitarios oficiais impartidos na USC.

Alumnado da USC poderá realizar prácticas en empresas da Asociación Área Empresarial do Tambre
Recepción no Reitorado da USC aos representantes de Asociación Área Empresarial do Tambre.
Recepción no Reitorado da USC aos representantes de Asociación Área Empresarial do Tambre.

O acordo foi asinado polo presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López Díaz, nun evento celebrado no Reitorado da institución académica ao que tamén asistiron o decano da Facultade de Filoloxía da USC, Elías José Feijo Torres, e a vicedecana do mesmo centro, Rosa Marta Gómez Pato, e o vogal da xunta directiva da asociación empresarial, Xavier Freire, e o xerente da entidade, José Manuel Beceiro.

O presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre destacou que ambas partes consideran necesario un maior achegamento entre o ámbito laboral e a universidade, para facilitar a futura inserción laboral do alumnado universitario egresado mediante a alternancia da súa formación teórica con prácticas externas, acadando a mellor cualificación e inserción laboral.

O acordo, que terá unha duración de catro anos, contempla que se realizará, como mínimo, unha convocatoria de prácticas en cada curso académico. Para un correcto funcionamento, os asinantes acordaron establecer un programa para a realización destas prácticas académicas externas nas empresas asociadas da área empresarial. Poderán ser prácticas curriculares ou contempladas nos plans de estudios; prácticas para a elaboración dos Traballos Fin de Grao ou Traballos Fin de Máster, segundo a normativa; ou prácticas extracurriculares ou complementarias.

Na selección do alumnado valoraranse os méritos académicos, tendo prioridade no proceso de selección as prácticas curricurlares sobre as extracurriculares, así como na adxudicción de prácticas o alumnado con discapacidade. Ademais, os horarios das prácticas deberán ser compatibles coa actividade académica e cada estudante terá un titor ou titora académica do seu centro e outro titor ou titora da entidade na que realice as prácticas que emitirá un informe final do se período de prácticas. Pola súa parte, o estudante deberá presentar unha memoria das prácticas final sobre o traballo realizado.

Alumnado da USC poderá realizar prácticas en empresas da Asociación Área Empresarial do Tambre