O programa está dirixido tanto a persoas en activo como autónomos que pecharon o seu negocio pola crise

1.200 autónomos recibirán formación en comercio electrónico

A Xunta porá en marcha este mes de maio a segunda edición do programa Autónomos Dixitais enfocado para que as persoas traballadoras autónomas melloren as súas competencias en comercio electrónico.

1.200 autónomos recibirán formación en comercio electrónico
El canal online
Os autónomos poden optar por unha formación sobre fundamentos dun proxecto de comercio electrónico ou como especialista en e-commerce.

A iniciativa Autónomos Dixitais non só está dirixida aos autónomos dados de alta, senón tamén a aqueles que tiveron que pechar os seus negocios como consecuencia da pandemia co obxectivo de que teñan acceso a unha segunda oportunidade a través da dixitalización. A formación, ademais de gratuíta, é flexible e adaptable aos horarios de preferencia, impártese a través dunha aula dixital e conta con titorización persoal.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou este luns na Mesa do Emprego Autónomo de Galicia a iniciativa coa que se prevé formar a 1.200 traballadores por conta propia en e-commerce xa que, segundo explicou, o comercio electrónico adquiriu unha gran importancia ao longo da pandemia, nacendo novos hábitos na compra de produtos. De feito, expuxo que, de acordo co VII estudo sobre e-commerce en España, realizado polo por IAB -a maior asociación mundial de comunicación, publicidade e marketing dixital presente en 47 países- o comercio por Internet segue crecendo, e en España un 72% dos cibernautas de entre 16 a 70 anos utilizan a rede como canle de compra.

Catro perfís

O programa Autónomos Dixitais diríxese nesta edición a catro perfís: a mocidade (menores de 30 anos); mulleres; persoas entre 31 e 44 anos e autónomos que tiveron que pechar o seu negocio como consecuencia da covid-19; e maiores de 45 anos. Para cada un deses catro perfís impartiranse dous cursos en formato dixital e gratuítos: un básico sobre fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico; e un avanzado, de especialista en e-commerce. Cada curso consta de 50 horas de formación e ao remate os alumnos e alumnas recibirán un diploma de aproveitamento avalado pola Xunta.

O primeiro dos cursos, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico, centrarase en coñecer os conceptos básicos e aspectos xurídicos do e-commerce, adquirir nocións básicas sobre márketing dixital, promoción e ferramentas 2.0 en Internet e identificar canles de comercialización e distribución.

Na acción formativa avanzada, de Especialista en e-commerce, dirixida a persoas con experiencia profesional na materia ou formación previa, coñeceranse as opcións de financiamento de proxectos de comercio electrónico, como elaborar un plan de márketing online, afondarase en aspectos como a protección de datos, seguridade ou medios de pagamento dispoñibles, crearse e xestionarase unha tenda online con Prestashop e darase formación en xestión de datos, provedores e loxística de envío.

Os interesados en participar nos cursos, que se comezarán a impartir a partir do próximo 20 de maio, poden solicitar desde este martes a súa praza a través da páxina web Autónomos Dixitais.

Os obxectivos principais do programa, en palabras da conselleira, son mellorar o grao de dixitalización das persoas traballadoras autónomas de Galicia e brindarlles a oportunidade de reposicionar o seu negocio “reemprendelo e/ou emprendelo”.

1.200 autónomos recibirán formación en comercio electrónico