Anuncian conflito se non hai acordos coa patronal na negociación colectiva

A suba salarial, prioridade de sindicatos e traballadores neste Primeiro de Maio

"Paremos o saqueo!" e "Subir salarios, baixar prezos e repartir beneficios" foron os lemas baixo os que celebraron este Primeiro de Maio a CIG, por unha banda, e UGT-Gailcia e Comisións Obreiras, pola outra, e cos que fixeron saír á rúa a miles de persoas nas principais vilas e cidades galegas no Día do Traballo. 
A suba salarial, prioridade de sindicatos e traballadores neste Primeiro de Maio
Manifestación da CIG en Vigo neste Primeiro de Maio.
Manifestación da CIG en Vigo neste Primeiro de Maio.

Neste Primeiro de Maio CCOO e UGT denunciaron que a suba da inflación non ven motivada só polo contexto internacional, unha parte importante desta suba a orixinan o exceso de beneficios empresariais. Ante isto, CCOO e UGT esixiron neste Primeiro de Maio responsabilidade social por parte das empresas pero tamén unha resposta pública que lles permita aos máis vulnerables facer fronte á suba dos prezos. 

Para ambos sindicatos estatais este Primeiro de Maio debe servir tamén para saudar todo o conseguido no contexto do diálogo social a través dos acordos alcanzados entre Goberno e os sindicatos UGT e CCOO, coma os acordos en materia de pensións e a suba do salario mínimo interprofesional (SMI).

Pero aínda hai materias pendentes. Ante unha inflación tan elevada como a actual, hai que protexer as rendas do traballo, os salarios. "Urxe garantir, mediante a negociación colectiva, salarios que crezan en parámetros equivalentes á inflación, para o que hai que esixir en todos os convenios cláusulas de garantía salarial. Para isto, apostamos polo V AENC que debe servir para garantir o poder de compra pero tamén para implementar nos convenios toda a normativa que se ten aprobado, como a reforma laboral ou adaptación a un novo modelo económico máis sostible". UGT e CCOO anunciaron que van traballar polo acordo pero, se se pechan as portas, tanto nos convenios individuais como ao AENC, haberá conflito nas rúas.

O emprego tamén vai seguir sendo o principal obxectivo sindical. A reforma laboral de 2021 está a melloralo, superando o millón de persoas afiliadas á Seguridade Social en Galicia, reducíndose a temporalidade en tan só un ano en 7,7 puntos na nosa Comunidade, a contratación indefinida pasa dunha media mensual do 9,5% ao 38%, mellórase o emprego de mulleres e mozos. É dicir, a reforma laboral da os seus froitos pero hai que seguir traballando nesta liña.

A ambos sindicatos tamén lles preocupa o custo do despedimento, polo que demandaron avanzar cara un custo do despedimento suficientemente disuasorio, xusto e axeitado ás circunstancias sociais, vitais e de reempregabilidade das persoas vítimas de decisións inxustas, de acordo coa doutrina do Comité Europeo de Dereitos Sociais.

Chamamento ao conflicto desde a CIG

De manera independente aos sindicatos estatais, a CIG convocou, como vén sendo habitual, manifestacións en 15 localidades galegas baixo o lema "Paremos o saqueo!"; en resposta a unha  “realidade económica e social extrema” que está a causar un “importante deterioro nas condicións de vida” da maioría social, tal e como denunciou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na súa intervención ao remate da manifestación de Vigo, a máis numerosa de todas. 

A deste luns foi, un ano máis, unha xornada de reivindicación durante a que se que lembrou que as políticas favorables para as clases populares son resultado da loita e da mobilización, “e non concesións dos gobernos nin da patronal, nin tampouco nacen do diálogo social”, en palabras do máximo responsábel da central nacionalista. 

No seu discurso Carril incidiu en que ante nunha situación tan crítica como a actual é máis necesario ca nunca seguir saíndo á rúa para esixir políticas que rematen cos efectos devastadores da inflación e da carestía da vida. No que ten que ver coa situación socioeconómica, Carril denunciou a “espiral xeneralizada” de alza dos prezos e o aumento dos índices de pobreza. “As políticas que están a aplicar os Gobernos non son suficientes nin xustas, por moito que haxa en Madrid un chamado Goberno de esquerda, que esaxera que aproba coa súa  propaganda as medidas que aproba, ou por moito que sexa tildado de moi radical pola dereita”. 

Entre elas, citou as que se están a impoñer ao ditado dos plans neoliberais da UE como a reforma das pensións, “que non amplía dereitos pero si recortes e que afecta especialmente as persoas menores de 50 anos ao consolidar os recortes das reformas anteriores”. De igual xeito, a última reforma laboral, “coa que nin recuperamos nin gañamos dereitos, como consecuencia de sacar adiante unha regulación laboral sen derrogar as de 2010 e 2012”.

O resultado -censurou- é que os beneficios das empresas do IBEX 35 están a medrar nove veces máis ca os salarios, “e os grandes anuncios feitos polo Goberno español de novos impostos a estes enormes beneficios quedaron en bastante pouco, ou en case nada”. Pola contra, intensifícanse os chamamentos e a imposición, a través do Pacto de Rendas, da moderación salarial, nun contexto no que a patronal, denuncia a central sindical, ten secuestrada a negociación colectiva, de xeito que impide calquera recuperación do poder adquisitivo das pensións e dos salarios, mentres o SMI e as prestacións de xubilación seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea. En consecuencia, o Estado español está á cabeza dos estados nos que os salarios reais caen máis, “até o punto de que o poder adquisitivo en 2023 é como o de 1996”.

Estas políticas están a provocar un aumento das desigualdades e da pobreza, con importantes sectores produtivos agonizando. “Como pode ser que teñamos o IPC máis alto do Estado español cando somos produtores dos principais alimentos da cesta da compra como o peixe ou os produtos agrarios?”, preguntouse. De igual xeito sucede co prezo da electricidade ou dos combustíbeis a pesar de que somos, produtores de enerxía e temos unha refinería da Coruña.

Neste senso, lamentou que as políticas do PP na Xunta sigan a afondar no desmantelamento industrial e a reforzar a dependencia económica do noso país, “entregado como está a facilitarlle ao capital español e internacional todo tipo de negocios, como vén de acontecer con Pescanova”. 

Fronte a isto, apelou á necesidade de intensificar a mobilización fronte á patronal e aos Gobernos, para dar resposta a unha realidade económica e social “extrema” agochada baixo o diálogo social con CCOO e UGT. “Un diálogo social que se ten convertido nunha fosa común na que enterran os nosos dereitos laborais e sociais”.

Neste punto o secretario xeral da CIG subliñou que a clase traballadora está chamada ao conflito na negociación colectiva para recuperar o poder adquisitivo dos salarios, “para que non nos rouben desde as cúpulas de CCOO, UGT e da patronal o dereito a negociar e decidir en Galiza os nosos convenios colectivos e as nosas condicións de traballo”.

A suba salarial, prioridade de sindicatos e traballadores neste Primeiro de Maio