Avogan por unha "estratexia común" para a recuperación do sector

Os sindicatos urxen á Xunta a convocar a Mesa do naval

Os responsables de Industria da CIG, CCOO e UGT en Vigo mantiveron un encontro coa secretaria territorial da Xunta na cidade, Ana Ortiz, para reclamarlle a convocatoria urxente da Mesa de Apoio ao Emprego no Sector Naval da Provincia de Pontevedra, na que abordar a "grave crise" que atravesa unha industria "fundamental" para a comarca e "estratéxica" para o conxunto do país.

Os sindicatos urxen á Xunta a convocar a Mesa do naval
Os responsables de Industria da CIG, CCOO e UGT, reunidos coa secretaria territorial da Xunta en Vigo.
Os responsables de Industria da CIG, CCOO e UGT, reunidos coa secretaria territorial da Xunta en Vigo.

Os tres sindicatos consideran imprescindible abordar canto antes solucións á crítica situación na que se atopan os principais estaleiros da comarca (Barreras, Vulcano e Metalships), "que está a provocar un esmorecemento progresivo do sector como consecuencia da falta da carga de traballo", sinalan nun comunicado. Nun contexto no que a precariedade laboral no sector non fai máis que medrar e no que se segue a rexistrar un importante fluxo migratorio do persoal que até o de agora viña mantendo o naval vigués.

Por iso a CIG., CCOO e UGT apostan por "accións conxuntas" e unha "estratexia común" que permitan a recuperación do sector, comezando pola convocatoria da Mesa do naval na que estean representadas as principais organizacións sindicais, as empresas (estaleiros e industria auxiliar) e as administracións, a través da autoridade laboral da Xunta en Vigo e da Inspección de Traballo de Pontevedra.




 

Comentarios
Os sindicatos urxen á Xunta a convocar a Mesa do naval