O actual convenio leva caducado desde decembro de 2022

O sector da limpeza en Pontevedra convocará folga se non hai acordo na mediación do convenio

Os sindicatos maioritarios na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra anunciaron que convocarán folga no outono no caso de que non se chegue a un acordo sobre un novo convenio colectivo na mediación prevista a partir do 17 de xuño.

O sector da limpeza en Pontevedra convocará folga se non hai acordo na mediación do convenio
Protesta en Vigo para demandar un novo convenio da limpeza na provincia de Pontevedra. /CEDIDA.
Protesta en Vigo para demandar un novo convenio da limpeza na provincia de Pontevedra. /CEDIDA.

Traballadoras e traballadores do sector da limpeza mobilizáronse de novo en Vigo este mércores para reclamar o desbloqueo das negociacións e unhas condicións laborais dignas.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, que participou na protesta celebrada en Vigo diante das instalacións do Grupo LHYP, explicou que a mediación para intentar desbloquear as negociacións do convenio terá lugar o vindeiro 17 de xuño na cidade, pero antes as centrais levarán a cabo unha nova mobilización, que se desenvolverá diante de PSA o día 12. “No caso de que non se chegue a un acordo durante a mediación teremos un outono quente que incluirá convocatoria de folga”, adiantou a responsábel sindical.

A CIG, CCOO e UGT iniciaron recentemente un calendario de protestas para reclamar unhas condicións laborais dignas e denunciar o bloqueo das conversas por parte dunha patronal que insiste nunha suba salarial “de risa” e que non ten “nin o detalle” de compensar “todo o que pasaron as compañeiras/os durante a pandemia”, tal e como criticou Fernández.

Ao mesmo tempo, lembrou que o convenio leva caducado dende o 31 de decembro de 2022, coa conseguinte perda de poder adquisitivo, e que as negociacións para renovalo comezaron en febreiro de 2023. “Pero tras 16 xuntanzas non hai acordo porque a patronal négase a introducir a cláusula de revisión salarial e a reducir a xornada”. De xeito que o mes pasado romperon as negociacións e a parte social solicitou unha mediación ao AGA, que agora vén de confirmarse.

A responsábel sindical indicou que esta situación estase a repetir tamén nas provincias da Coruña e de Ourense, e antes na de Lugo. “O principal atranco é a actitude das Confederacións de Empresarios de cada provincia e da patronal estatal ASPEL”. E detallou que as reivindicacións das traballadoras pasan por un aumento de soldos do 3,5% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión salarial a IPC para non perder poder adquisitivo, mentres que a parte empresarial ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial.

O sector da limpeza en Pontevedra convocará folga se non hai acordo na mediación do convenio