O Clúster Audiovisual presentoulle o seu plan estratéxico

O audiovisual galego avalía co presidente da Xunta a achega económica e creativa do sector

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, reuniuse con representantes da Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e o Clúster Audiovisual Galego, para valorar o momento que vive o sector e avaliar a súa achega tanto económica como creativa ao conxunto da sociedade galega.
O audiovisual galego avalía co presidente da Xunta a achega económica e creativa do sector
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, reúnese con representantes do sector audiovisual galego. San Caetano, 13/07/2023.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, reúnese con representantes do sector audiovisual galego./D.CABEZÓN.

Trala reunión, Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, resaltou o papel distintivo da institución á que representa como aglutinadora dos intereses de todas as familias que compoñen o audiovisual e apostou pola unidade existente entre elas, sinalando que esta colaboración estreita é fundamental para seguir fortalecendo o sector. Un sector que xera valor industrial para Galicia, sen deixar de lado a súa aportación artística e creativa.

Pérez Becerra quixo lembrar a relevancia do papel cumprido pola TVG historicamente, actuando como tractor na formación de varias xeracións de creadores, técnicos e intérpretes, e a importancia de que o ente público continúe coa produción de ficción. Tampouco quixo esquecer á Filmoteca de Galicia, unha institución que precisa recursos suficientes para poder conservar o noso patrimonio audiovisual.

A interlocución coa administración 

Pola súa banda, Xosé Lois Ledo, vicepresidente de Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), destacou o gran momento actual da produción galega, con recoñecemento estatal e internacional. Ademais, quixo reivindicar o papel das asociacións profesionais como interlocutoras coa administración pública e salientou a importancia dunha participación decidida da TVG nos proxectos e das liñas de axuda á produción, xa que recaen directamente no sector, e que estas teñan unha continuidade no tempo e sexan reforzadas.

O presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, trasladou ao presidente da Xunta as liñas que conforman o Plan Estratéxico do Clúster Audiovisual, como o fondo de atracción de rodaxes, a posta en marcha da Galicia Film Commission, a importancia da internacionalización dos proxectos, a relevancia do centro de produción audiovisual da Cidade das TIC na Coruña e a aposta por converter a Galicia nun centro de formación especializado de profesionais.

Os representantes da Academia, AGAPI e o Clúster valoraron moi positivamente a xuntanza, na que salientaron o talento e a dedicación dos profesionais do sector, así como a importancia de apoiar a produción en lingua galega. Destacaron así mesmo que o impacto do sector audiovisual vai máis alá do ámbito da cultura, estando intrinsecamente relacionado con outros como o turismo ou a industria e a economía.

Esta reunión dará inicio a unha rolda de reunións con outros departamentos da Administración galega. 

O audiovisual galego avalía co presidente da Xunta a achega económica e creativa do sector