Desde a CIG chaman á patronal Aspel a chegar a acordos que permitan desbloquear o conflito

Paros no sector da limpeza en demanda de condicións de traballo dignas

Centos de traballadores da limpeza de edificios e locais tomaron este mércores as rúas das cidades galegas para reclamar uns convenios provinciais que dignifiquen as súas condicións laborais. Houbo paros de 24 horas en Pontevedra e Ourense e unha acción reivindicativa na Coruña, que se suman á folga indefinida de Lugo, que vai camiño de cumprir 90 días.
Paros no sector da limpeza en demanda de condicións de traballo dignas
Manifestación de traballadores da limpeza en Vigo./CIG.
Manifestación de traballadores da limpeza en Vigo./CIG.

Durante esta xornada desenvolvéronse distintas protestas, apoiadas polos sindicatos CIG, CCOO e UGT, con manifestacións e concentracións en Vigo, Pontevedra e Ourense, Lugo e Vilagarcía, e un corte de tráfico na avenida de Alfonso Molina, na Coruña.

As empregadas galegas da limpeza acordaran intensificar as mobilizacións para reclamar uns convenios provinciais dignos ante o inmobilismo da patronal estatal Aspel. A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández,  salientou a importancia da loita que están a levar a cabo as traballadoras/es do sector en defensa dos seus dereitos e lembrou que tanto o convenio de Lugo como de Ourense contemplan salarios inferiores ao SMI. “Mais as propostas de Aspel non chegan ao salario mínimo; mentres que en Pontevedra ofrecen unha suba de soldos do 2.66 %, por debaixo do IPC real de 2023”.

Fernández cualificou de “éxito” o desenvolvemento da xornada, e cifrou o seguimento dos paros en máis do 65%, tendo en conta que a pesar de que a incidencia na industria (sobre todo na automoción) e nas fábricas (como as conserveiras) foi moi alta, os elevados servizos mínimos fixados nos servizos públicos (centros de saúde, hospitais, aeroportos, Concellos, colexios, etc) -nalgúns casos incluso do 100%- reduciron o seu impacto.

“É moi importante que as traballadoras/es se decidisen a dar este paso para dignificar as súas condicións laborais porque son un servizo esencial e como tal teñen que ser tratadas/os”, sinalou a responsábel sindical.

Neste senso, explicou que as diferencias coa patronal Aspel son substanciais, xa que ofrece unicamente un 2,66% de suba salarial, négase a pagar os atrasos con carácter retroactivo e non quere reducir a xornada até as 37,5 horas semanais. “Isto último é para nós unha reivindicación fundamental tendo en conta que se trata dun sector altamente feminizado, con moitos contratos a tempo parcial, así que se reducimos a xornada as traballadoras/es parciais aumentarán os seus soldos e as que están tempo completo traballarán menos horas”, engadiu

A sindicalista chamou o empresariado a sentarse a negociar con vontade de chegar a acordos que permitan desbloquear os conflitos “porque do contrario vanse atopar coa capacidade de loita e de resistencia dunhas traballadoras/es que están a amosar un sólido compromiso coa defensa das súas condicións laborais”.

Paros no sector da limpeza en demanda de condicións de traballo dignas