SEA oferta parcelas por menos de cen euros ao mes

Miñones anima ao empresariado de Bergantiños a instalarse no polígono de Buño

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou este martes ao empresariado de Malpica a aproveitar o polígono de Buño para xerar riqueza e emprego na comarca de Bergantiños.
Miñones anima ao empresariado de Bergantiños a instalarse no polígono de Buño
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o alcalde de Malpica, Walter, na visita ao porto.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, e o alcalde de Malpica, Walter, na visita ao porto.

José Miñones fixo estas declaracións durante unha visita ao concello de Malpica, onde mantivo un encontro de traballo co alcalde de Malpica, Walter Pardo, no que estivo acompañado pola xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo.

O delegado do Goberno en Galicia explicou que o polígono de Buño está finalizado e listo para ser ocupado. SEA incluíu a oferta de parcelas por menos de cen euros ao mes. As cifras que deberían abonar os emprendedores son moi reducidas, de só 90 euros ao mes para parcelas de 1.000 metros cadrados e de 109 euros para as de ata 1.466 metros cadrados.

O polígono ten unha superficie bruta de 54.979 metros cadrados e neta de 30.989. A edificabilidade total é de 32.645 metros dos que 13.655 son de edificabilidade industrial, por 18.990 de edificabilidade terciaria. As facilidades inclúen a posibilidade de instalarse sen necesidade de afrontar o gasto da compra. “É unha oportunidade para xerar riqueza e emprego nesta zona. Coincide cun momento de recuperación no que empezarán a chegar fondos europeos. Agardamos que teñan impacto directo neste Concello”, subliñou José Miñones ante os medios.

"Estamos inmersos no plan de recuperación despois dunha pandemia terrible para a sociedade, polo que as administracións temos que funcionar como revulsivo, para o que a industria, a súa dinamización e os polígonos empresariais supoñen un pilar fundamental para a creación de emprego”, engadiu Sestayo.

A xerente de SEA recordou que en só seis meses SEA pechou operacións de venda ou dereito de superficie con ata 26 compañías nos parques empresariais que xestiona en Galicia, o triple que o ano anterior.  “Queremos seguir sendo proactivos na industria e que mellor sitio que Malpica, en Malpica hai actividades pesqueiras e auxiliares que poden atopar un bo lugar no polígono”, incidiu Sestayo. “Aínda sendo prudentes, avanzo que despois desta reunión, cremos que vai haber resultados na zona”, remarcou a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico.

Tras a xuntanzaa o delegado do Goberno mantivo outro encontro de traballo co rexedor, co que abordou diferentes asuntos de interese, antes de visitar a Confraría de Pescadores e o Monte Atalaya. “É, sen dúbida, unha xornada produtiva na que establecemos o primeiro contacto co Goberno local de Malpica, que terá continuidade nos vindeiros meses”, engadiu.

Comentarios
Miñones anima ao empresariado de Bergantiños a instalarse no polígono de Buño