Porá en contacto demandantes e ofertantes de terreos agrarios

O GDR Limia - Arnoia crea o seu propio banco de terras para impulsar proxectos agrogandeiros

Os 25 municipios das comarcas ourensás de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova están incluídos dentro de Aterra, un pioneiro programa de xestión de terras posto en marcha polo Grupo de Desenvolvemento Rural Limia - Arnoia que foi presentado este mércores no Concello de Sarreaus.
O GDR Limia - Arnoia crea o seu propio banco de terras para impulsar proxectos agrogandeiros
Asistentes á presentación do programa programa de xestión de terras Aterra, en Sarreaus (Ourense).
Asistentes á presentación do programa programa de xestión de terras Aterra, en Sarreaus (Ourense).

“Aterra ten como obxectivo impulsar novos proxectos agrogandeiros dentro das nosas comarcas polo que a través deste programa poránse en contacto persoas demandantes de terra para a creación ou ampliación dun proxecto agrícola ou gandeiro con persoas propietarias de terras ou empresas en funcionamento interesadas nunha cesión, aluguer ou venda”, explicou Eva González, xerente do GDR Limia-Arnoia.

Unhas oitenta persoas destas comarcas ourensás asistiron ao acto de presentación do proxecto Aterra, entre as que estivo a directora de Agader, Inés Santé; as 25 alcaldesas e alcaldes dos municipios participantes, membros do Inorde, representantes da Deputación de Ourense, membros de comunidades de montes e representantes de diferentes asociacións e sindicatos labregos. “Aterra é un todo, é un concepto global co que queremos recuperar a terra agraria e promover a creación de novas iniciativas agrogandeiras”, explicou o presidente do GDR Limia Arnoia e Alcalde de Sarraeus, Gumersindo Lamas, que foi o encargado de abrir o acto de presentación do programa no que tamén houbo unha mesa de experiencias na que se falou da problemática actual para acceder as terras.

Tonecho, da Gandeiría Balín en Verea; Isabel Santos, da cooperativa de horta en Xunqueira de Ambía; Iván Cubillas, de A Vaquería, cooperativa de gandeiros da Limia; e Carmen Álvarez, cunha gandeiría de leite ecolóxico en Allariz; explicaron os seus casos e as súas dificultades para acceder aos terreos nun territorio onde predomina o minifundismo.

Aterra é un ambicioso programa, pioneiro a nivel comarcal, de características similares ao Banco de Terras creado pola Consellería de Medio Rural. Aterra pretende consolidarse como unha ferramenta de traballo colaborativo para a xestión das terras, a cal contribuirá a frear o abandono tanto de terras como de explotacións agrícolas e gandeiras, ao desenvolvemento rural coa creación de novos proxectos e á conservación do noso medio. O GDR Limia-Arnoia é o promotor desta iniciativa na que participan oficinas agrarias comarcais, asociacións agrarias profesionais e universidade.

Como funciona Aterra?

O proxecto Aterra ten tres pezas fundamentais para o seu funcionamento. A primeira é  o asesoramento técnico que ofrecen os técnicos do GDR Limia-Arnoia a todas aquelas persoas interesadas no aluguer, venta ou cesión de terreos ou de negocios. Ademais, o persoal xa está a traballar na creación dun minucioso mapa no que se detallen os usos actuais do solo e as súas ocupación e tamén se identificarán aquelas áreas con maior demanda de terra agracia, as parcelas e os negocios dispoñibles para aluguer ou venda e aqueles axentes económicos interesados na xestión de terras agrarias.

Outra das ferramentas que empregará a Aterra son a comunicación e as novas tecnoloxías. Así, durante os próximos meses o GDR Limia-Arnoia fará unha intensa campaña informativa nos 25 municipios que forman o territorio. Tamén se puxo en marcha un visor, deseñado a medida para o noso territorio e de fácil manexo, que permite conectar de maneira simple as persoas demandantes de terra e as persoas que ofrecen terras ou proxectos en marcha.

E por último, Aterra xa está a traballar cunha potente rede de contactos composta polos diferentes axentes sociais do territorio e que son a peza clave para o éxito deste proxecto xa que son eles quen teñen o contacto directo cos demandantes e ofertantes de terreos.

Aterra é unha consecuencia da Lei de recuperación de terra agraria en Galicia e é ademais un dos eixos centrais da estratexia de desenvolvemento local que está a deseñar o GDR Limia-Arnoia para o período 2023-2027.

O GDR Limia - Arnoia crea o seu propio banco de terras para impulsar proxectos agrogandeiros