Celebración do pleno do Consello da Economía Social

Galicia suma 174 novas empresas de economía social

En 2021, e a pesar da situación pandémica, creáronse en Galicia 174 novas iniciativas de economía social que aglutinan 521 persoas socias promotoras, coa qua cifra total de entidades de economía social activa ascende a 3.150.
Galicia suma 174 novas empresas de economía social
Pleno do Consello da Economía Social, no que participou a conselleira María Jesús Lorenzana./X.CRESPO.
Pleno do Consello da Economía Social, no que participou a conselleira María Jesús Lorenzana./X.CRESPO.

Galicia conta con 1.571 sociedades cooperativas, 1.448 sociedades laborais, 117 centros especiais de emprego e 14 empresas de inserción. Son datos dados a coñecer no pleno do Consello da Economía Social, celebrado este venres, no que a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, subliñou a ampla presenza de mulleres que, no caso particular das cooperativas creadas en 2021, supoñen case o 51% das persoas socias.

Potenciar esta fórmula de desenvolvemento económico que preconiza valores como o da solidariedade, a democracia empresarial e mesmo o apego co territorio, é unha das prioridades coas que traballou o Goberno galego que en 2021 incidiu nas actuacións de acompañamento a iniciativas da economía social, formación, divulgación e comunicación deste modelo económico, principalmente a través da Rede Eusumo, que na actualidade conta con 87 entidades adheridas.

Así, tal e como deu a coñecer Lorenzana ante o pleno, o Goberno galego asesorou un total de 174 proxectos de negocio o ano pasado e titorizou a 278 persoas, das que o 58% foron mulleres. En canto á formación en economía social, celebráronse 77 cursos para mellorar as capacidades técnicas do persoal das entidades do sector nas que participaron máis de 1.000 alumnos, unha vez máis, con maioría feminina, que se situou no 68%.

Máis de 1.300 persoas tomaron parte ademais nas actividades divulgativas para dar a coñecer esta oportunidade de emprendemento en Galicia. A Xunta mantén abertas liñas de apoio económico para a posta en marcha, difusión, funcionamento e creación de emprego na economía social ás que se destinaron en 2021 case 30 millóns de euros. En 2022, soamente para a creación e o fomento do emprego na economía social destinaranse 35 millóns de euros.

Asemade, o pasado maio, a Consellería de Emprego e Igualdade creou o primeiro catálogo de entidades e empresas de economía social de Galicia, reunindo nun único lugar as compañías deste ámbitos que constaban dispersas en diferentes rexistros administrativos. Grazas a este catálogo, incidiu Lorenzana, a Xunta está a mellorar no estudo do impacto económico deste modelo empresarial cara a definir novas actuacións de futuro.


 

Comentarios
Galicia suma 174 novas empresas de economía social