Grazas a un acordo con Asoporcel

Galicia Calidade certificará os produtos de porco celta

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou en Lugo un acordo de colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) que permite aos socios desta organización certificar os produtos de porco celta galego co selo de garantía Galicia Calidade.
Galicia Calidade certificará os produtos de porco celta
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Lugo na presentación da colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta.
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou en Lugo na presentación da colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta.

Manuel Heredia, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, sinalou que o acordo ten por obxecto impulsar a adhesión á marca de certificación das empresas que forman parte de Asoporcel, unha vez que cumpran co prego de condicións establecido por Galicia Calidade, organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia. Para a concesión da licencia, as empresas deben cumprir co regulamento de uso deste selo e os procedementos para a súa concesión. 

As empresas socias de Asoporcel interesadas en obter o certificado de Galicia Calidade poderán solicitalo de maneira individual ou a través da asociación, unha vez presentada a documentación requirida. Pola súa banda, a asociación comprométese a informar e apoiar aos seus asociados para obtención das licenzas, así como aboar as tarifas correspondentes para acceder á marca de garantía. O convenio tamén prevé que a organización de produtores favoreza as canles de comunicación entre o organismo dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación e os produtores para promover e divulgar iniciativas conxuntas. Heredia destacou que este acordo "contribuirá a potenciar os esforzos de Asoporcel para recuperar unha raza porcina autóctona e que se diferencia nos mercados polo seu valor gastronómico", apuntando que “contar co selo Galicia Calidade achegaralle garantía e confianza ante os consumidores", engadiu. 

Máis de 140 gandarías en toda Galicia

Asoporcel é unha asociación constituída en 1999 para velar pola preservación, conservación, recuperación e fomento e mellora xenética da raza porcina celta. Na actualidade, conta con máis de 140 ganderías en toda Galicia, dedicadas a cría de gando porcino en liberdade e polo sistema de pastoreo, e 214 operadores dedicados á produción primaria, transformación e comercialización. 

Desde 2016 dispón da marca de calidade concedida polo Ministerio de Agricultura 100% raza autóctona Porco Celta, a primeira raza de porcino á que lle concederon este distintivo. Todos os produtos (nas modalidades de fresco, salgado, curados...) comercialízanse con ese distintivo, ao que agora se sumará o do selo de garantía Galicia Calidade, que certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. 

Na actualidade, Galicia Calidade conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental. 

Galicia Calidade certificará os produtos de porco celta