ANÁLISE DO PROXECTO DE ORZAMENTOS DO ESTADO

O Foro Cívico Empresarial de Santiago insta a dotar “axeitadamente” a partida do enlace orbital

O Foro Cívico Empresarial de Santiago recibiu na súa sede da Cámara de Comercio a representantes do Goberno municipal, cos que se analizou  a situación das infraestruturas ea tramitación das licenzas urbanísticas na capital galega.

O Foro Cívico Empresarial de Santiago insta a dotar “axeitadamente” a partida do enlace orbital
Xuntanza do Foro Cívico Empresarial de Santiago co rexedor, Martiño Noriega, e parte do seu goberno.
Xuntanza do Foro Cívico Empresarial de Santiago co rexedor, Martiño Noriega, e parte do seu goberno.

Representantes do Concello de Santiago, encabezados polo seu alcalde, Martiño Noriega, e axentes sociais de Comopstela compartiron a decepción polas partidas asignadas a Santiago nos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, e mostraron a súa “extraordinaria” preocupación polo proxecto do orbital, novo vial que unirá a AP-9 e a A-54 completando os accesos a toda a zona industrial norte, para o que non figura ningunha dotación económica.

Goberno local, empresarios e profesionais coincidiron en que este asunto é un “tema de cidade” ao que se debe outorgar a máxima prioridade reivindicativa. O Foro Civico Empresarial de Santiago, no que están integradas unha vintena de colectivos e entidades, insta ás Administracións Públicas a “dotar axeitadamente esta partida” durante a tramitación parlamentaria da lei. O rexedor, pola súa parte, agradeceu o respaldo unánime do Foro, ao tempo que demandou unha voz única na defensa do vial, un proxecto que xa tivo dotación en anos anteriores: 8 e 5 millóns de euros respectivamente.

Estación intermodal de Santiago

A evolución da estación intermodal tamén foi obxecto de exposición e debate intenso entre os asistentes. A conexión da pasarela coa baixada á nova estación de autobuses, a adaptación da terminal ferroviaria e os fluxos de tráfico no redeseño da actual rúa de Clara Campoamor centraron as explicacións, dúbidas e preguntas.

Por outra parte, o alcalde defendeu o proxecto do seu goberno para manter en A Silvouta a nova estación depuradora, do que dixo que tería menos custo económico para as Administracións e un menor impacto ambiental, sen renunciar á eficiencia da planta.

O Foro tamén manifestou unha “enorme” preocupación polo retraso histórico á hora de outorgar licenzas urbanísticas municipais. “É insoportable que a tramitación dos expedientes se demore sendata, requirimento tras requirimento, circunstancia que frea aos investidores e desespera aos particulares e autónomos”, segundo se expresou na xuntanza. O propio alcalde recoñeceu a situación sen matices, mentres o concelleiro Jorge Duarte engadiu que se fixeran algúns progresos durante o proceso, ao tempo que facía votos por unha mellora coa próxima implantación da tramitación telemática ou electrónica.

Comentarios
O Foro Cívico Empresarial de Santiago insta a dotar “axeitadamente” a partida do enlace orbital