As traballadoras recibirán nas súas nóminas a suba salarial pactada en Madrid

Folga das dependentas de Inditex na Coruña para reclamar melloras salariais

A xornada de folga convocada en Inditex, coincidindo co Black Friday, tivo un masivo seguimento por parte das traballadoras das tendas da Coruña, Ferrol ou Compostela das firmas do grupo téxtil: Massimo Dutti, Stradivarius, Oysho, Bershka, Pull&Bear, Tempe, Zara, Zara Kids ou Zara Home, entre outras, segundo informa o sindicato convocante, a CIG.
Folga das dependentas de Inditex na Coruña para reclamar melloras salariais
Manifestación de traballadoras das tendas de Inditex ás portas do C.C. Cancelas, en Santiago./CIG.
Manifestación de traballadoras das tendas de Inditex ás portas do C.C. Cancelas, en Santiago./CIG.

“Todas as dependentas, agás as que teñen cargos de responsabilidade, están en folga”, afirmou Carmiña Naveiro, presidenta do comité provincial de Zara e membro da CIG.

Así as cousas, desde primeira hora deste venres piquetes de mulleres percorrían os centros comerciais das cidades coruñesas para lembrar que cos seus salarios non chegan a fin de mes e exixir ao Grupo Inditex, propiedade do multimillonario Amancio Ortega, "salarios dignos e equiparados aos que cobra o persoal doutras empresas do grupo de similar categoría e cualificación, que chegan a percibir até o triplo de salario que as dependentas", sinalan nun comunicado. Isto xunto a demanda de que se lle recoñezan as melloras sociais e laborais que xa teñen outros colectivos dentro da multinacional.

Segundo informou a CIG, a xornada decorreu "con tranquilidade e nun ambiente festivo, agás en Marineda City, na Coruña, onde a policía desaloxou á forza ás traballadoras pola mañá impedindo que informaran tanto ás compañeiras que permanecían no interior das tendas, como ás moitas persoas que se achegaban ao centro comercial á busca das ansiadas ofertas que se poñen á venda con motivo desta data".

Con todo, Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius, manifestaba, ao inicio da manifestación, que na Coruña a folga foi un éxito tanto onte (polo xoves 24) como hoxe (venres 25). “A maioría dos cadros de persoal, case na totalidade, están na rúa. As tendas hai momentos que están abertas, porque os responsábeis, con algún persoal eventual, e mesmo baixo mínimos -hai tendas nas que só hai dúas persoas-, obrigaron a que abrisen igual. Un perigo porque o estrés de estar soas nunha tenda é tremendo”.

As manifestacións foron numerosas tamén nas outras cidades e a indignación era palpable, apuntan desde a CIG, porque “Inditex fixo o posíbel para meter nas nóminas a suba salarial que asinaron en Madrid os señores de CCOO e UGT e que as traballadoras de aquí rexeitamos en varias asembleas”. Así as cousas, hoxe as dependentas cobraron 120 euros a maiores e a empresa tivo que refacer todas as nóminas en tempo récord para que isto fose posible. “Noutras ocasións teñen asegurado que non nos podían modificar as nóminas porque estaban pechadas desde o día 15, pero hoxe puxeron a todo o departamento a traballar co obxectivo de desmobilizar ás compañeiras e que non participaran na folga cando viran que se cobraran eses cartos”.

A presidenta do comité de Zara concluíu salientando o trunfo que supón ter conseguido que Inditex chamara este xoves, un día antes da convocatoria de folga provincial, para informar de que se cinxirían a cumprir a lei. Unha resposta que chegou tras da CIG presentar denuncia na Inspección de Traballo pola pretensión da empresa de vulnerar o dereito á folga das traballadoras, substituíndoas por outras contratadas vía ETT ou cun contrato eventual para cubrir esta xornada.

En todo caso, Naveiro chama a atención sobre o feito de que sexan precisamente as dependentas, mulleres, as que cobran menos e asegura que “se quen tivera convocado a folga foran os seus compañeiros doutras empresas do grupo, a empresa teríase sentado a negociar antes de chegar a esta situación”.

Folga das dependentas de Inditex na Coruña para reclamar melloras salariais