A asociación reclama unha fiscalidade máis competitiva

As empresas familiares agardan unha nova etapa de crecemento post pandemia

A Asociación Galega da Empresa Familiar celebrou este mércores en Santiago a 21ª asemblea xeral de socios, na que o seu presidente, Víctor Nogueira, sinalou que as empresas familiares agardan unha nova era de crecemento da economía galega tras a pandemia. 

As empresas familiares agardan unha nova etapa de crecemento post pandemia
A Asociación Galega da Empresa Familiar reuniu en Compostela aos representantes das
súas 58 empresas asociadas. / M. MUÑIZ
A Asociación Galega da Empresa Familiar reuniu en Compostela aos representantes das súas 58 empresas asociadas./ M. MUÑIZ

No seu discurso, o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (Agef), Víctor Nogueira, demandou un plan específico para reter as empresas que xeran riqueza en Galicia e para atraer un maior volume de investimento estranxeiro para asentar novas industrias. “O 93% dos nosos traballadores seguen con nós. En todas as crises exercemos un papel estabilizador na nosa economía: conservamos máis emprego e PIB que as empresas non familiares e temos un crecemento máis sostible tras as crises. É o que agardamos agora: iniciar unha nova era post-Covid”, explicou Nogueira.

Para este ano e o 2022, o presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar reivindicou medidas que reforcen o investimento na comunidade galega e o establecemento de empresas, como unha fiscalidade máis competitiva ou destinar os fondos europeos á economía real. “Hai oito autonomías fiscalmente máis competitivas. Galicia precisa competitividade para atraer empresas, pero tamén para que as que xa teñen a súa sede aquí sexan incentivadas para seguir aquí, xerando emprego e riqueza no noso territorio”, concluíu Nogueira.

Ao acto de clausura da asemblea da Agef tamén acudiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou o esforzo das empresas familiares galegas durante os últimos 15 meses e agradeceu a participación da Asociación Galega da Empresa Familiar no comité de expertos dende o inicio da pandemia. “A empresa familiar galega foi fundamental durante a Covid e estou seguro de que será tamén fundamental para o futuro. Non só xera riqueza, emprego e prosperidade, senón tamén cohesión social”, afirmou.

A asemblea anual da asociación contou coa intervención do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz Castroverde, e do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet. O responsable da principal entidade financeira galega indicou que Galicia volveu amosar a súa capacidade de resiliencia grazas á xestión da crise sanitaria, a relevancia da industria agroalimentaria e a pesca, a menor dependencia do turismo estranxeiro e a industria do automóbil. “As empresas familiares galegas foron o factor diferencial porque souberon xestionar moi ben unha contorna tan adversa como a que vivimos, seguiron abertos aos mercados exteriores, mantiveron a súa vocación inversora e defenderon con forza o emprego”, indicou Escotet.

A Asociación Galega da Empresa Familiar está formada polas 58 compañías familiares con sede en Galicia máis importantes da comunidade. En Galicia, as empresas familiares representan o 92,4% do tecido empresarial e aportan o 85% do Valor Engadido Bruto (VAB) empresarial e o 86,3% do emprego privado

Comentarios
As empresas familiares agardan unha nova etapa de crecemento post pandemia