O acordo contempla dúas anualidades de 500.000 euros

O convenio entre a Deputación e Sogarpo facilita avais a 67 empresas ourensás

O convenio asinado no mes de marzo entre a Deputación de Ourense e a Sociedade de Garantía Recíproca Pontevedra Ourense (Sogarpo) beneficiou ata setembro a 67 pequenas e medianas empresas da provincia. Así, da achega de 500.000 euros da institución provincial dedicáronse 365.000 euros para un total de 68 avais.
O convenio entre a Deputación e Sogarpo facilita avais a 67 empresas ourensás
Artur Yuste, presidente de Sogarpo, e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.
Artur Yuste, presidente de Sogarpo, e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense./ALBERTE PAZ.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e o de Sogarpo, Artur Yuste, anunciaron este luns o reforzo da cooperación entre as dúas institucións en beneficio das pemes da provincia, nunha xuntanza que ambos valoraron como moi produtiva, analizando a colaboración conxunta coa vontade de continuala na mesma liña.  

"A Deputación e Sogarpo sempre mantiveron unha colaboración fluída e constante de traballo conxunto, que co convenio asinado en 2023 deu un impulso moi importante ao empresariado ourensán con cifras contrastadas, o que permitirá axudar á financiación das empresas, que é seu grande obxectivo”, expresou Artur Yuste. Neste senso, o convenio referido, asinado en 2023, contempla dúas anualidades de 500.000 euros e cuxo obxectivo é promover a actividade económica das pemes situadas na provincia de Ourense, facilitando o seu acceso a financiación, bonificando os seus custos que requiran da garantía de Sogarpo. 

“Con ese convenio estamos axudando a pequenos empresarios cos gastos de funcionamento e de constitución das súas empresas. É unha colaboración estreita e longa que se vai adaptando aos tempos e ás necesidades que nos formulan con axudas moi importantes desde o punto de vista funcional nunha provincia na que é preciso apoiar en todo o que estea na nosa man”, sinalou o presidente provincial, Luis Menor. 

68 avais

Segundo os datos actualizados que se analizaron na reunión, dos 68 avais outorgados, correspondentes a 67 empresas, mediante a achega da Deputación dentro do convenio con Sogarpo, consumiron xa 365.000 euros dos 500.000 euros dispostos no presente exercicio. O importe dos avais outorgados foi de 5.303.000 euros, mentres que o do investimento inducido foi de 6.411.000 euros. 

O presidente da Deputación, Luis Menor, ratificou que “continuaremos mantendo esta cooperación en favor das pequenas e medianas empresas, con este instrumento tan útil que é o convenio de colaboración con Sogarpo”. 

O convenio entre a Deputación e Sogarpo facilita avais a 67 empresas ourensás