A previsión é que a mediación se inicie antes das tres novas xornadas de folga previstas

O Consello Galego de Relacións Laborais mediará no conflicto do metal

O Consello Galego de Relacións Laborais realizará unha mediación no conflito laboral do sector do metal, tal e como confirmaron nas últimas horas os representantes da patronal e dos sindicatos UGT, CCOO e CIG.

O Consello Galego de Relacións Laborais mediará no conflicto do metal
A directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, no webinar da Asociación Área Empresarial do Tambre.
A directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, nun webinar.

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, compareceu ante a Comisión 6ª do Parlamento de Galicia onde subliñou a preocupación da Xunta de Galicia sobre o devir da situación, e trasladou que desde principios de mes o seu departamento mantén contactos coa parte social e empresarial implicadas na negociación do convenio colectivo do sector metal da provincia da Coruña.

Tras realizar numerosos contactos coas partes negociadoras, aseverou Mancha, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade trasladou ás partes a posibilidade de activar a mediación oficial do Consello Galego de Relacións Laborais, competente na materia, que finalmente se desenvolverá tras a confirmación da vontade de patronal e sindicatos.

A previsión é que este proceso de mediación se inicie nos próximos días, antes da celebración de tres novas xornadas de folga previstas para a próxima semana.

A Administración autonómica galega respecta o principio de autonomía nas negociacións colectivas, aínda que no caso de conflitos, por solicitude das partes interesadas, pode promover a mediación e arbitraxe a través do Consello Galego de Relacións Laborais. Así, ante situacións como a actual, lembrou a directora xeral no Parlamento, a Xunta mantén aberta sempre a posibilidade de mediar a través deste órgano, unha vía efectiva cando problemas laborais corren risco de enquistarse, dixo.

A directora xeral amosou a confianza de que as partes poidan achegar posturas o antes posible e remarcou que a folga pode ser máis prexudicial que beneficiosa, polo que a Xunta agarda un acordo que garde un equilibrio entre as demandas dos traballadores e as necesidades da industria para garantir a súa competitividade.

O Consello Galego de Relacións Laborais mediará no conflicto do metal