A decisión que adopte a Xunta será en base a "argumentos técnicos e xurídicos"

Conde traslada ao comité de empresa de Ferroatlántica que a Xunta garantirá "o cumprimento estrito da lei"

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladoulles este martes aos representantes dos traballadores de Ferroatlántica en Cee e Dumbría que a Xunta seguirá garantindo o cumprimento estrito da lei, e polo tanto, que a súa prioridade será cumprir en todo momento as condicións que fixa a lexislación e salvagardar o interese público da concesión.

Conde traslada ao comité de empresa de Ferroatlántica que a Xunta garantirá "o cumprimento estrito da lei"
O conselleiro Francisco Conde na xuntanza cos representantes dos traballadores das plantas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría./C.PAZ..
O conselleiro Francisco Conde na xuntanza cos representantes dos traballadores das plantas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría./C.PAZ..

No encontro co comité de empresa, Francisco Conde apuntou que nestes momentos os servizos técnicos e xurídicos da Administración autonómica están avaliando polo miúdo a documentación presentada pola compañía, sinalando que se tramitará con rigor e seriedade, como marca o procedemento administrativo. Ferroatlántica solicitou o pasado xoves á Xunta de Galicia que eliminase a prohibición de segregación das dúas actividades principais que desenvolven na Comunidade: a produción de ferroaliaxes e os aproveitamentos hidroeléctricos.  A compañía apóiase nun ditame da Universidade de Santiago que conclúe que a segregación é xuridicamente viable. 

Tal e como sinalou o conselleiro, “o Goberno comprende perfectamente a inquietude dos traballadores pero entende que a forma de dar resposta e de dar confianza aos propios traballadores é non precipitarse, estudar a documentación e ser garantista e transparente en todo o procedemento”.

O responsable de Economía, Emprego e Industria engadiu que se está a tramitar a petición feita polo comité para que poida ter acceso á solicitude presentada pola empresa. Do mesmo xeito, indicou que a decisión que finalmente se adopte será en base a argumentos técnicos e xurídicos, seguindo ao pé da letra o que marca a lexislación.

Conde fixo especial fincapé no compromiso que está a amosar a Xunta desde o primeiro momento para, a través da máxima transparencia e o diálogo permanente cos alcaldes da comarca e cos traballadores, traballar a prol do mantemento desta actividade industrial.

Comentarios
Conde traslada ao comité de empresa de Ferroatlántica que a Xunta garantirá "o cumprimento estrito da lei"