Preto de 700.000 metros cadrados

O Concello de Valdoviño analiza con Cofer as posibilidades do polígono industrial das Boeiras

O Concello de Valdoviño busca dinamizar o solo industrial dispoñible no polígono empresarial das Boeiras, que comparte co veciño municipio de Narón. Para iso vén de manter sendas reunións con SEPES, administración propietaria do polígono, e coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer).
O Concello de Valdoviño analiza con Cofer as posibilidades do polígono industrial das Boeiras
Reunión do alcalde de Valdoviño con representantes de Cofer.
Reunión do alcalde de Valdoviño con representantes de Cofer.

O polígono das Boeiras -que comparte con Narón- con máis de 677.000 metros cadrados de solo industrial agardando a chamada de proxectos de iniciativa pública ou privada que precisen solo para medrar e expandirse e facelo á carta. A día de hoxe, trátase dunha posibilidade única na comarca de Ferrol e área de influencia, pero pola contra pouco coñecida entre o tecido empresarial e mesmo no ámbito da administración que o Concello de Valdoviño quere remediar. Con ese obxectivo, o alcalde, Alberto González, mantiña recentemente en Madrid unha reunión con Leire Iglesias, directora xeral da SEPES, entidade propietaria do 95% do polígono. Unha reunión na que arrincaba o compromiso de poñer no mercado o solo, ofertándoo entre posibles demandantes.

As xuntanzas para mover As Boeiras continuaban a pasada semana, e o rexedor reuníase neste caso coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer). O seu presidente, Cristóbal Dobarro, e os directivos Santiago Pérez-Torres e José Manuel Rilo coñecían de primeira man as posibilidades do polígono e as súas principais vantaxes: a súa titularidade pública, a súa situación urbanística (que facilitaría en gran medida a tramitación do proxecto sectorial e de construción coas mínimas autorizacións sectoriais), a clara definición das infraestruturas para a súa urbanización (proxectos de abastecemento e saneamento redactados e orzamentados), a súa posición estratéxica e conectividade (a escasos 500 metros da AG-64, limitando coa AC-566 e a AC-121, e por tanto, practicamente conectado coas vías de alta capacidade, a AP-9, ou FEVE) e, sobre todo, a posibilidade de ofrecer solo incorporado ao Plan Sectorial de Áreas Industriais de Galicia a demanda dos proxectos que se instalen nel.

Nesta primeira reunión, os representantes das principais asociacións empresariais da zona amosaron o seu interese no polígono e comprometéronse a colaborar na divulgación entre posibles demandantes de solo. Unha colaboración clave para favorecer o desenvolvemento da área industrial que permitiría a Valdoviño captar novos proxectos empresariais e consolidar o aumento demográfico dos últimos anos.

O Concello de Valdoviño analiza con Cofer as posibilidades do polígono industrial das Boeiras