PARA AXUDAR AO TECIDO EMPRESARIAL LOCAL NESTE MOMENTO DE CRISE

O comercio e as empresas de Carballo solicitan medidas fiscais ao Concello

O comercio e as empresas de Carballo (A Coruña) veñen de solicitar medidas fiscais ao Concello de Carballo para axudarlles a soportar o parón na actividade provocada polo covid-19.

O comercio e as empresas de Carballo solicitan medidas fiscais ao Concello
Polígono de Bértoa, Carballo.
Polígono de Bértoa, Carballo.

As medidas adoptadas para frear a pandemia vinculada ao covid-19, supuxeron un parón sen precedentes na economía do país. Este parón está a afectar á normal actividade de empresas e autónomos o que leva consigo unha grave diminución nos seus ingresos véndose obrigados, en non poucos casos, a acollerse aos ERTEs ou á suspensión temporal de actividade. O comercio e as empresas situadas en Carballo non están a ser alleas a esta situación.

Desde o Goberno de España e a Xunta de Galicia empezaron a tomar as primeiras medidas para apoiar ao sector produtivo nestes meses de inactividade. Desde as xuntas directivas do Centro Comercial Aberto e da Comunidade de Propietarios do Polígono de Bértoa solicitan tamén ao Concello de Carballo a adopción dunha serie de medidas fiscais dentro do seu ámbito competencial que axuden ao tecido empresarial local "a superar estes momentos de zozobra".

Solicitamos suspender impostos, taxas e prazos mentres dure o estado de alarma a quen vexa minguados os seus ingresos e flexibilizar pagos e fraccionamento en xeral. Concretamente piden "custo cero" das taxas municipais a pemes e autónomos mentres se prolongue o estado de alarma, o atraso no cobro do imposto de circulación e no IBI, e unha posible bonificación deste último imposto. Tamén lle piden ao Concello de Carballo que garanta a continuidade dos contratos públicos municipais.

"Situacións extraordinarias requiren accións extraordinarias. Nestes momentos somos conscientes que a prioridade é dar resposta á emerxencia sanitaria, pero consideramos que é imprescindible tomar medidas de apoio ao tecido produtivo para garantir os empregos e a viabilidade empresarial", conclúe o comunicado conxunto do Centro Comercial Aberto e da Comunidade de Propietarios do Polígono de Carballo.

Comentarios
O comercio e as empresas de Carballo solicitan medidas fiscais ao Concello