Para facilitar a coprodución, venda ou distribución de proxectos audiovisuais

O Clúster Audiovisual Galego abre a convocatoria do pitching “I+P, Ideas para Producir”

Ata o día 10 de outubro, o Clúster Audiovisual Galego manterá aberto o prazo de presentación de proxectos audiovisuais para participar na 11ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”, que celebrará os días 22 e 23 de novembro en Santiago de Compostela.

O Clúster Audiovisual Galego abre a convocatoria do pitching “I+P, Ideas para Producir”

O “I+P, Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais.

De entre todos os proxectos recibidos un comité de expertos seleccionará 15 para realizar un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual do noso país. Posteriormente celebraranse as reunións one to one entre os responsables dos proxectos e os compradores. A xornada de pitching terá lugar o día 23 de novembro.

O ‘I+P, Ideas para Producir’ conta co apoio do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través de Agadic e o Igape, e do Concello de Santiago de Compostela. E coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission, a plataforma Filmarket Hub e a compañía Music Library & SFX.

O Clúster Audiovisual Galego comunicará a partir do día 30 de outubro os proxectos seleccionados para seren presentados no pitching.

O Clúster Audiovisual Galego abre a convocatoria do pitching “I+P, Ideas para Producir”