Para o sindicato, Alcoa nunca tivo a vontade de chegar a un acordo de venda

A CIG demanda unha intervención pública da fábrica de Alcoa San Cibrao

A CIG reclama do Goberno e da Xunta que manteñan "unha postura de firmeza" para evitar o plan de peche de Alcoa en San Cibrao e "valentía" para pór en marcha medidas viábeis que garantan a non parada das cubas, aínda que a multinacional execute un ERE extintivo ou  temporal.
A CIG demanda unha intervención pública da fábrica de Alcoa San Cibrao
Multitudinaria manifestación este domingo de traballadores de Alcoa e veciños da Mariña./CIG.
Multitudinaria manifestación este domingo de traballadores de Alcoa e veciños da Mariña./CIG.

Así o trasladou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na reunión telemática da mesa de seguimento que tivo lugar pouco este luns 28 antes de retomarse o período de consultas do ERE de Alcoa. Nesta xuntanza, Carril denunciou o "terrorismo patronal" exercido por Alcoa que se nega a aceptar ningunha saída alternativa, tal e como se evidenciou esta fin de semana ao dar por rotas as negociacións con GFG Alliance (Liberty House) mesmo antes de rematar o prazo previsto e ao negarse a asumir a proposta de compra temporal pola SEPI. "Resulta obvio que Alcoa nunca tivo vontade de chegar a un acordo de venda e utilizou este tempo de prórroga para prefabricar unha autoxustificación do fracaso da operación", denunciou.

Neste senso, Carril pediu a todas as partes manter a unidade de acción para enfrontar os plans de Alcoa, dándolle dende as institucións e dende a mobilización unha categórica resposta "até que a empresa cese na súa intención de deixarnos sen postos de traballo, sen futuro industrial para a comarca e sen un sector estratéxico para Galiza como é o aluminio".

O secretario xeral da CIG pon en valor a enorme mobilización social do conxunto da cidadanía da Mariña nestes últimos meses que  "é a resposta clara e contundente que vai atopar hoxe Alcoa na reunión". E nesta liña, insta o goberno español e a Xunta a actuar con firmeza e estar a altura da mobilización que nos próximos meses continuará no centro de traballo e nas rúas, tomando todas as decisións políticas que sexan necesarias. A este respecto, Carril demandou que se poñan en marcha de inmediato os mecanismos para unha intervención pública "como solución viábel e legal para a planta de San Cibrao". 

Fin de semana de intensas mobilizacións

Coa perspectiva da convocatoria da reunión do ERE para este luns en Nigrán, traballadores e cidadanía da Mariña desenvolveron na fin de semana un intenso calendario de mobilizacións que comezou na mañá do sábado cun peche de 24 horas de membros do comité e delegados das auxiliares nos concellos de Xove e Viveiro, até onde se desprazaron ao longo de toda a xornada grupos de persoas para trasladarlle o seu apoio e esixir unha solución de futuro para a fábrica.

O encerro remataba contra as dez da mañá do domingo, xa que pouco despois estaba convocada unha multitudinaria manifestación que partiu da estación de tren de Xove, de onde a diario saen trens cargados cos bloques de aluminio que se fabrican en San Cibrao, e rematou na Praza do Concello. A marcha estivo encabezada por un camión cargado de coroas de flores a modo de comitiva fúnebre por cada un dos concellos da comarca.

Comentarios
A CIG demanda unha intervención pública da fábrica de Alcoa San Cibrao