Este xoves haberá concentracións en Sabón e diante do Congreso dos Deputados

A CIG alega ao proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos

A CIG presentou alegacións proxecto de Estatuto de consumidores electrointensivos elaborado polo Ministerio de Industria, nas que reproducen a proposta de tarifa para este tipo de industria que o sindicato leva xa tempo reclamando.

A CIG alega ao proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos
A CIG fixo entrega na Coruña das alegacións proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos./CIG.
A CIG fixo entrega na Coruña das alegacións proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos./CIG.

Con respecto ao borrador de Estatuto de consumidores electrointensivos, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que o proxecto do Ministerio resulta insuficiente, "provoca máis agonía e dificulta unha solución á problemática da industria electrointensiva". 

Contido das alegacións

Sobre o contido da proposta da CIG, explicou que, en liñas básicas, a central demanda liberar a tarifa das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico (primas ás renovábeis, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustíbel nuclear ou o déficit tarifario); e que este custe sexa asumido polos Orzamentos Xerais do Estado para que non repercutan na tarifa eléctrica que paga o resto de consumidores.

Así mesmo, a CIG defende que se contemple a máxima compensación permitida pola UE por C02. De igual xeito, co obxectivo de producir unha rebaixa xeral no prezo da electricidade que repercuta no funcionamento do sector, a central propón retirar do mercado maiorista (o chamado pool) as centrais hidráulicas e nucleares, que pasarán a cobrar por custos recoñecidos aprobados a proposta da CNMC.

Contra a poxa de interrompibilidade

No marco desta proposta, explicou Carril, a poxa de interrompibilidade, "que é unha auténtica ruleta rusa", só pode ser un mecanismo transitorio até o desenvolvemento desta tarifa industrial "máis xusta, predicíbel e competitiva". Referiuse tamén á polémica xerada estes días arredor da posibilidade de participación de Alcoa nesta poxa como "un novo capítulo da confusión e do desastre da xestión sindical dalgunhas organizacións e da xestión política do goberno do Estado e da Xunta ante a crise industrial, que complica aínda máis o futuro para as fábricas de Alcoa".

"Se toda a capacidade de acción do Goberno español está nesa poxa, entón estamos chamados ao fracaso", alertou, pondo a atención no feito de que este sistema de poxa "é o que nos ten levado á actual situación, polas incertezas que xera na industria á hora de coñecer o custo da enerxía e que pon en cuestión os necesarios investimentos nas plantas".

Garantías para o emprego

Xunto a isto, Paulo Carril apuntou que as obrigas no ámbito do emprego e a actividade produtiva recollidas no artigo 14 do proxecto de estatuto resultan insuficientes para garantir o emprego e a actividade. Por iso, a CIG propón nas súas alegacións que se entendan como incumpridas estas garantías cando a empresa beneficiaria reduza de maneira efectiva en máis dun 20% a súa capacidade de produción ou recorte nesta mesma porcentaxe a ocupación efectiva do seu cadro de persoal a través dun ERE temporal ou un despedimento colectivo. "Para nós, e así o recollemos na nosa proposta, calquera tarifa industrial rebaixada para a industria electrointensiva pasa pola asunción de compromisos e corresponsabilidade real por parte das empresas no mantemento dos empregos, a actividade produtiva e na mellora das condicións laborais".

Concentracións este xoves

Dentro do calendario de mobilizacións que a CIG está a desenvolver para urxir solucións para a industria con grandes consumos enerxéticos, a central ten convocada unha concentración para este xoves, 28 de marzo, ás 17:30 horas, diante da fábrica de Ferroatlántica de Sabón. 

Tamén o persoal das factorías de Alcoa na Coruña e Avilés se concentrará este xoves, ás 11 horas, pero neste caso diante do Congreso dos Deputados. O secretario xeral de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento, participará nesta concentración xunto cosecretario xeral confederal, Unai Sordo. Os traballadores de Alcoa esixiranlle ao Goberno de España e aos deputados e deputadas que «aceleren o paso», porque «urxe» unha solución para a continuidade destas dúas factorías, pero tamén do conxunto do sector de industrias electrointensivas.

A CIG alega ao proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos