No prazo dun ano terase que constituír a sociedade que xestione a Cidade das TIC

Asínase o convenio de cogobernanza da Cidade das TIC

Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Clúster TIC e Universidade da Coruña asinaron este mércores o convenio de cogobernanza da Cidade das TIC, un paso máis para facer realidade un proxecto que os seus promotores consideran un revulsivo da economía galega.

Asínase o convenio de cogobernanza da Cidade das TIC
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; José Miñones, Delegado do Goberno en Galicia; Julio Abalde, reitor da UDC; Francisco Conde, conselleiro de Economía; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Susana Ladra, directora do Campus Innova.
Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Julio Abalde, reitor da UDC; Francisco Conde, conselleiro de Economía; Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, e Susana Ladra, directora do Campus Innova./M.FUENTES.
O convenio para a elaboración do Plan Director e Constitución da Estrutura de Cogobernanza da Cidade das TIC foi asinado pola alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey García; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, en calidade de presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde.

“Arrancamos este proxecto de futuro co que estamos moi ilusionados”, confesou o reitor, agradecendo a todas as administracións a súa implicación e apoio para materializar a Cidade das TIC. Para o Delegado do Goberno en Galicia, este proxecto supón cambiar “rifles e proxectís por computadoras e chips”. Miñones amosou o seu convencemento e o do Goberno de España en que este proxecto será “un referente tecnolóxico que lidere unha nova era industrial na cidade da Coruña”.

O vicepresidente económico, pola súa banda, deixou constancia do compromiso da Xunta de Galicia coa Cidade das TIC, un dos proxectos incluídos na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation e co que se pretenden mobilizar 55 millóns de euros. Conde foi rotundo ao afirmar que “a Cidade das TIC será un revulsivo da economía galega”. O conselleiro cualificou o polo tecnolóxico en que se converterá a Cidade das TIC como “unha gran idea”. A firma do convenio de cogobernanza é “o primeiro dos pasos” co que se planifica o futuro da Cidade das TIC, no que “debemos seguir traballando con espírito de cooperación”. Finalmente, Francisco Conde adiantou que o proxecto da Cidade das TIC estará incluído no Plan estratéxico para o sector TIC que a Xunta vai impulsar no ano 2022.

A alcaldesa cualificou o día de hoxe como un “momento decisivo” para A Coruña e a súa comarca. O convenio asinado, afirmou, é o “pulo decisivo para a posta en marcha dunha infraestrutura estratéxica para a cidade”. Inés Rey amosouse convencida de que o proxecto vai converter á Coruña nunha referencia nacional e internacional que xerará emprego e aumentará a competitividade da cidade.

O presidente da Deputación ratificou con contundencia a importancia do proxecto da Cidade das TIC. “Estamos sentando as bases do proxecto estratéxico máis importante para Galicia nos próximos anos” que vai cambiar “o modelo produtivo”. González Formoso recalcou ademais o apoio das diversas administracións no proxecto. “Nun contexto de incertezas que as administracións sexan capaces de unirse para sacar adiante un proxecto como este é vital”, dixo. “Este é o modelo que temos que seguir”, desexou.

Nesta liña de colaboración conxunta de distintas administracións incidiu tamén o presidente do Clúster TIC Galicia. “É moi difícil conseguir o que se consegue hoxe” coa firma do convenio pero “o proxecto o merece”, continuou. Rodríguez del Corral asegurou que “a Cidade das TIC será o punto clave do apoio para todo sector industrial de Galicia e o grande xacemento de emprego dos próximos dez anos”. “É un elemento clave da economía do futuro de Galicia”, resumiu o empresario.

Plan Director e sociedade xestora

O convenio que se vén de asinar ten como obxectivo sentar as bases de colaboración entre as partes para dinamizar a construción e dotación da Cidade das TIC de xeito que se poida materializar no menor tempo posible. Desta forma, as primeiras actuacións son a elaboración do Plan Director da Cidade das TIC e o deseño e posta en marcha da súa estrutura de gobernanza, cun prazo máximo de realización dun ano a partir da firma do convenio.

O Plan Director establecerá a folla de ruta do proxecto da Cidade das TIC. Incluirá, entre outros aspectos, un plan estratéxico cos seus obxectivos a curto e medio prazo e un plan de xestión co deseño dun modelo de negocio sustentable, ademais dun plan de sustentabilidade económico-financeiro e a constitución dunha nova sociedade xestora da Cidade das TIC.

A entidade xestora da Cidade das TIC será unha entidade decidida polos socios asinantes. Mentres non se constitúa formalmente haberá unha estrutura provisoria impulsada por unha comisión de seguimento presidida polo reitor da UDC, Julio Abalde, e formada por un representante de cada unha das entidades: a Xunta, a través do Igape; Deputación, Concello e Clúster.

O orzamento para a execución do convenio asinado hoxe é de 180.000 euros, dos que o Concello da Coruña aporta 75.600; a Xunta, a través do Igape, 36.000; a Deputación, 36.000; a UDC, 30.600; e o Clúster, 1.800 euros.

Cidade das TIC

A Cidade das TIC desenvolverase na totalidade do terreo da antiga Fábrica de Armas da Coruña. Cunha superficie aproximada de 127.943 metros cadrados, os seus principais inmobles están formados por sete naves industriais da antiga fábrica. Sobre estas instalacións e terreos crearase a Cidade das TIC, un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional que actúe como un demostrador de tecnoloxías emerxentes, de apoio ao tecido empresarial pola prestación de servizos tecnolóxicos avanzados non dispoñibles en Galicia, que facilite a instalación de empresas do sector e serva como vector de crecemento e dinamización económica grazas á creación de startups, o impulso da I+D+i, o fomento do emprendemento e a atracción de empresas multinacionais.

A Cidade das TIC será un ecosistema TIC dinámico e vangardista que combinará infraestruturas de innovación e servizos TIC avanzados para a innovación industrial; un campus tecnolóxico vinculado á UDC con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías; unha incubadora empresarial de alta tecnoloxía centrada principalmente en Intelixencia Artificial e Big Data; un centro demostrativo e de servizos avanzados que proporcione novos servizos tecnolóxicos ás empresas; espazos de formación e difusión TIC; un parque empresarial TIC para o aloxamento de pequenas e grandes empresas tecnolóxicas, e servizos de apoio á Cidade.

Asínase o convenio de cogobernanza da Cidade das TIC