A asociación urxe a tramitación burocrática para abrir o Biopolo Sionlla

Área Empresarial do Tambre traslada ao Concello de Santiago a "imperiosa necesidade" de solo industrial

A dirección da Área Empresarial do Tambre mantivo un encontro coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Promoción Económica, María Rozas, ás que trasladaron a necesidade de novo solo industrial no municipio e demandaron interese pola tramitación burocrática para poder inaugurar o edificio do Biopolo Sionlla.
Área Empresarial do Tambre traslada ao Concello de Santiago a "imperiosa necesidade" de solo industrial
reunion_tambre (1)
Membros da directiva da Área Empresarial do Tambre xunto coa alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e a edil de Promoción Económica, María Rozas (2ª e 4ª pola esquerda).

O presidente da Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, a vicepresidenta, Flor Mariño, o vicepresidente, Manuel Nieto, e o xerente da asociación, José Manuel Beceiro, foron recibidos en Raxoi pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Promoción Económica, María Rozas.

Logo da xuntanza, Alborés expresou a súa satisfacción: “a alcaldesa concordou coas nosas demandas e díxonos que, entre as súas prioridades, figuraba apoiar ao máximo o desenvolvemento industrial de Santiago, amosando tamén moito interese nas propostas estratéxicas da nosa asociación. Saímos satisfeitos e esperamos ver axiña os resultados desta cordial reunión de traballo”.

Os directivos do Tambre expuxeron diversas demandas relacionadas coas infraestruturas actuais e novos proxectos. O edificio do Biopolo Sionlla (Centro de Servizos Innovadores para Empresas Biotecnolóxicas –CSIEB–), construído en tempo récord, está pendente dos últimos trámites burocráticos para a súa inauguración oficial, aínda que xa está totalmente operativo, polo que lles pediron que se interesasen por este expediente.

Igualmente trasladaron á rexedora a “imperiosa necesidade” de solo industrial. “Agora mesmo toda a superficie industrial está comprometida, é dicir, esgotada. Cómpre que as Administracións acorden por onde crecer e iniciar os trámites canto antes, porque pasa tempo ata que o solo estea dispoñible para poñelo no mercado. Volve estar en xogo o desenvolvemento industrial da comarca de Santiago”, alerta Alborés. Entre tanto, desde a asociación comprometéronse a enviar información ao Concello das peticións que reciban de solo para poder planificar a súa posta en marcha.

A Asociación, por outra parte, está a traballar na mellora da vixilancia a través da incorporación de sistemas de vídeo en toda a área empresarial. “Vai supór un importanteinvestimento que precisa da colaboración imprescindible por parte do Concello en canto a tramitación e xestión de permisos, xa que o viario é de titularidade municipal”, sinalan nun comunicado.

A posta en valor da parcela anexa ao Centro Empresarial, mediante o desenvolvemento dun proxecto urbanístico que permita complementar os servizos actuais, foi outra das propostas que se lle presentaron á rexedora compostelá.  Finalmente, a mobilidade en transporte público e peonil foi outra das cuestións abordadas na xuntanza.

Área Empresarial do Tambre traslada ao Concello de Santiago a "imperiosa necesidade" de solo industrial