A asociación recomenda que asinen contratos a curto prazo

Agromuralla insta aos gandeiros a non aceptar baixadas no prezo do leite na renovación dos contratos

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla considera, de cara á renovación dos contratos lácteos que vencen o 31 de marzo, que os prezos do leite teñen que "manterse ou subir" pois "os custos de produción non baixaron". A asociación acusa ás industrias de incumplir a lei por non presentar as súas ofertas con dous meses de antelación á finalización do contrato. 

 

Agromuralla insta aos gandeiros a non aceptar baixadas no prezo do leite na renovación dos contratos
Agromuralla denuncia impagos de entregas de leite por parte de dúas empresas a cinco gandeiros asociados.
Agromuralla insta aos gandeiros a non aceptar baixadas no prezo do leite nos contratos pendentes de renovar.

Agromuralla pide aos produtores de leite "que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo". A asociación, que engloba ao redor de 400 gandeiros principalmente da provincia de Lugo e A Coruña, defende que "os prezos para este ano teñen que manterse ou mesmo subir, dado que os custos de produción seguen a aumentar". "O gasóleo, a luz, os pensos e os fertilizantes continúan polas nubes", aseguran.  A iso engádense o incremento nos custos laborais da man de obra, como consecuencia da suba do salario mínimo interprofesional, e aspectos fiscais derivados da rebaixa do IVE. "Os produtores non estamos a cobrar o IVE pola venda do noso leite; sen embargo, temos que seguir pagando o 10% ou o 21% de IVE polos insumos e servizos que consumimos, o que provocará este ano un desaxuste contable nas explotacións", denuncian. 

Ademais, argumenta a asociación de gandeiros, "a produción segue sendo similar á de 2022, que rematou cun descenso de produción do 2% no conxunto de España", polo que "a actual coxuntura de mercado non xustifica unha baixada de prezos, senón o seu mantemento ou revalorización en consonancia coas actuais taxas de inflacción", di. 

No escenario actual, previo á renovación dos contratos de primavera, Agromuralla ve "intolerables" as "ameazas" das empresas que recollen o leite cara aos gandeiros que o producen e advirten ás industrias que están "tirando pedras sobre o seu propio tellado".  "Segue habendo falta de leite e se os prezos baixasen a produción volvería caer en picado", aseguran, polo que se desencadearía unha situación de "desabastecemento do mercado" no que habería empresas que se quedasen sen subministro. "O leite sería nese caso para as industrias que pagasen máis por el", argumentan. Do mesmo xeito, din, unha baixada en orixe provocaría un descenso de valor en toda a cadea, o que tamén prexudicaría ás industrias. 

Incumprimento da lei na presentación de ofertas por parte das empresas

Agromuralla lembra tamén ás industrias que "están incumprindo a lei" porque "teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta con alomenos dous meses de antelación para dar marxe ao gandeiro a negociar con outras empresas", un prazo que as industrias non están a cumprir en canto aos contratos que vencen en marzo.

"Os gandeiros tiñamos que ter xa a estas alturas enriba da mesa as distintas ofertas das empresas pero estase a producir un incumprimento manifesto que é susceptible de ser denunciado ante a AICA", advirte Agromuralla.  

Agromuralla recomenda "calma" aos gandeiros á hora de estudar as distintas ofertas porque "hai prazo para asinar ata a finalización de contrato e non convén apurarse á hora de tomar a decisión", recomendando "esgotar os prazos".

Neste sentido, explican desde a asociación de gandeiros que logo da modificación do chamado Paquete Lácteo, producida o ano pasado, o produtor non ten obriga de rexeitar a oferta da industria, cando antes tiña un prazo de 15 días para facelo por escrito ou senón entendíase renovado automaticamente o contrato. Agora, sen embargo, ocorre xustamente o contrario, é dicir, se o gandeiro non se pronuncia a oferta enténdese como non aceptada.

Agromuralla é ademais partidaria neste momento de que os seus socios asinen contratos a curto prazo "para que o leite non quede atado e haxa maior competencia entre as industrias". 

"O problema que houbo o ano pasado é que o leite en Galicia estaba maioritariamente vinculado a contratos a un ano, o que fixo que os prezos se mantivesen máis baixos que noutras comunidades autónomas e que industrias de fóra que tiñan falta de leite non puideran vir en busca del a Galicia porque non había dispoñibilidade na entrega por parte das granxas", argumentan.   

Agromuralla insta aos gandeiros a non aceptar baixadas no prezo do leite na renovación dos contratos