Estímase beneficiar a unhas 1.500 persoas

A Xunta destina 17,5 millóns de euros ao programa Galicia Emprega

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres as axudas do programa Galica Emprega, dirixido a incentivar a contratación indefinida de persoas desempregadas, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 17,5 millóns de euros.

A Xunta destina 17,5 millóns de euros ao programa Galicia Emprega
Elena Rivo, conselleira de  Promoción do Emprego e Igualdade./X.CRESPO.
Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade./X.CRESPO.

A actuación está dirixida á contratación indefinida de persoas con máis dificultades para atopar un posto de traballo como son a mocidade (contará con 6.000 euros de apoio base), persoas paradas de longa duración (9.000 euros), mulleres (10.000 euros), emigrantes retornados ou estranxeiros (9.000 euros) e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (14.000 euros). Como novidade nesta edición, redúcese de 55 a 52 anos o acceso ao incentivo deste colectivo, que contarán para a súa contratación cun apoio base de 9.000 euros.

Estas contías base por cada contrato que se desenvolva poderán incrementarse nun 15%, sendo acumulables entre si, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou se a contratación se realiza con mulleres nunha actividade económica con subrepresentación feminina, entre outros. Por cada contratación indefinida inicial que se realice, ademais, poderá solicitarse ata 4.000 euros para formación no centro de traballo.

O programa Galicia Emprega tamén contempla incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.

A contía máxima posible de axuda, de aplicarse todos os incrementos, será de 24.500 euros por persoa contratada, que poderá aumentar en 4.000 euros co bono formación.

Con este programa de axudas, que busca favorecer o emprego a través de incentivos á contratación de persoas desempregadas e á súa formación, a Xunta agarda poder beneficiar a unhas 1.500 persoas traballadoras por conta allea.

Estas axudas poden solicitarse a partir do 26 de xaneiro e ata o próximo 30 de setembro.

A Xunta destina 17,5 millóns de euros ao programa Galicia Emprega