Para chegar a todos os establecementos que cumpran coas condicións, que se estiman en 600

A Xunta amplía a 4,7 millóns de euros as axudas ao lecer nocturno polos peches de fin de ano

A Consellería de Emprego e Igualdade engadirá 1,2 millóns de euros extra á partida inicial prevista de 3,5 millóns de euros para axudas extraordinarias dirixidas aos titulares dos negocios de lecer nocturno que optaron por pechar os seus establecementos o pasado fin de ano, co obxecto de poder atender todas as peticións que cumpran cos requisitos.
A Xunta amplía a 4,7 millóns de euros as axudas ao lecer nocturno polos peches de fin de ano
Xa recibiron as axudas 479 empresas dedicadas ao ocio nocturno.
Xa recibiron as axudas 479 empresas dedicadas ao ocio nocturno.

A orde de subvencións, publicada no Diario Oficial de Galicia no mes de febreiro, ten por obxecto compensar as perdas nas que os establecementos incorreron a causa do peche opcional proposto para Noitevella, para evitar a propagación do coronavirus.

Teñen dereito a acceder a estas axudas directas as empresas do ocio nocturno que comunicaran previamente á Xunta a súa decisión de suspender a súa actividade entre as 00.00 horas do día 31 de decembro de 2021 e as 03.00 horas do día 3 de xaneiro de 2022, conforme ao establecido na orde da Consellería de Sanidade ante a situación acadada pola pandemia nesas datas.

As axudas acordadas acadan contías que varían en función da superficie dos establecementos: 2.500 euros se teñen de menos de 100 metros cadrados; 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados; 9.000 euros para os de 250 a 500 metros; 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros; 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros; e un total de 45.000 euros para os grandes establecementos, con máis de 2.000 metros cadrados.

Ao día de hoxe recibiron os pagamentos un total de 479 empresas. A Xunta estima superar as 600, entre discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas e de concertos, grazas a esta ampliación. Os apoios estanse a financiar con fondos REACT-UE no marco do Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

A Xunta amplía a 4,7 millóns de euros as axudas ao lecer nocturno polos peches de fin de ano