As achegas máximas por entidade poden acadar os 30.000 euros

Nova convocatoria do Bono Consolida para entidades de economía social

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, este mércores, unha nova convocatoria do Bono Consolida que busca impulsar a actividade de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego na súa transformación dixital e ecolóxica, e que conta cun orzamento total de 2,7 millóns de euros.

Nova convocatoria do Bono Consolida para entidades de economía social
Publicada no DOG a nova convocatoria do Bono Consolida.
Publicada no DOG a nova convocatoria do Bono Consolida.

Estímase que se poidan beneficiar destas axudas preto de 200 entidades que, para accederen a estes apoios, deberán estar inscritas nos rexistros administrativos da comunidade e contar cunha antigüidade mínima de 42 meses.

As achegas máximas por entidade poden acadar os 30.000 euros para, entre outras actuacións, financiar o 90% dos investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2023 e o 31 de outubro de 2024- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de marketing ou imaxe corporativa. Ademais, a Administración autonómica concederá ata 600 euros ás actividades formativas dirixidas aos socios das entidades afiliados ao réxime de traballo autónomo.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 25 de marzo.

Accións de difusión

Doutra banda, a Administración autonómica convoca un ano máis as axudas dirixidas a que as 98 entidades da economía social que conforman a Rede Eusumo desenvolvan en 2024 e 2025 accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula.

Neste caso, o orzamento destinado é de 690.000 euros e prevese que se poidan beneficiar das achegas unhas 40 entidades, que poderán realizar accións para unhas 4.000 persoas.

O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o próximo 26 de febreiro.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reservará 390.000 euros do orzamento global para apoiar actividades de sectores específicos como o dos coidados, o agroalimentario, a economía circular, as enerxías renovables, as novas tecnoloxías, ou do sector industrial e das industrias culturais.

Apoio ao asociacionismo

Finalmente, o DOG tamñen publica os apoios, por valor de 330.000 euros, para axudar cos gastos de funcionamento das entidades asociativas que representan esta fórmula.

O programa conta con dúas liñas de financiamento. A primeira, con 230.000 euros, vai dirixida ao fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais. A segunda, con 100.00 euros, está destinada ás asociacións de centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral. En ambos os dous casos apóianse parcialmente (ata o 90%) os seus gastos de funcionamento.

As entidades interesadas poden cursar as súas peticións desde este xoves e ata o próximo 26 de febreiro, data na que remata o prazo.

Nova convocatoria do Bono Consolida para entidades de economía social