Para promover proxectos asociados ao territorio e ao sector pesqueiro
Convocatoria de axudas de Galp Costa da Morte
O Grupo de acción local do sector pesqueiro, Galp, Costa da Morte abre, este mércores, o prazo para a solicitude de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) co obxecto de impulsar o tecido económico empresarial da comarca e que contan cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros.
As axudas promoverán proxectos que valoricen o territorio, creen emprego, e fomenten a participación de mulleres e atraia a novas xeracións como relevo xeracional en actividades do sector pesqueiro ou ligadas ao territorio.
Entre os obxectivos, tamén se atopa o fomento da economía azul das zonas pesqueiras a través da diversificación, dentro e fora do sector da pesca comercial, e o impulso do aproveitamento do patrimonio ambiental, fomentando ademais o benestar social e o impulso do patrimonio cultural do territorio.
Detalles da convocatoria
Os beneficiarios das axudas serán autónomos e pemes, con proxectos individuais ou colectivos, localizados nos concellos do ámbito territorial do Galp Costa da Morte, e máis concretamente en Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo.
O próximo 8 de febreiro, ás 17:00, na Casa da Cultura de Vimianzo, terá lugar unha xornada informativa onde se explicarán os posibles ámbitos de actuación da axuda e o seu aproveitamento.
Os proxectos seleccionados dentro das axudas recibirán unha intensidade de axuda que vai dende o 35 ao 50% do gasto subvencionable (custos asociados a persoal contratado, vehículos de transporte, inversións materiais, acondicionamento e equipamento, ou aplicación das instalacións), dependendo da puntuación obtida, ata un máximo de 200.000€, dependendo da tipoloxía do proxecto.
Estas porcentaxes poderían incluso incrementarse en proxectos de pesca artesanal ou de beneficiario colectivo.