Publícanse estes días no DOG

Os apoios á economía social da Xunta ascenden a 5,8 millóns de euros

A Xunta empezou a activar no Diario Oficial de Galicia varias liñas de axudas de fomento da economía social en Galicia que suman 5,8 millóns de euros.
Os apoios á economía social da Xunta ascenden a 5,8 millóns de euros
Integrantes da cooperativa Anaco elaborando as conservas de anchoa.
A Xunta activa catro liñas para apoiar as entidades de economía social.

Trátase, dunha banda, de apoiar o emprendemento neste sector por medio do programa Aprol Economía Social (que recibe 3,8 millóns de euros); de impulsar a contratación nas empresas de inserción laboral de persoas en risco de exclusión social (ás que se destina un millón de euros); de promover esta fórmula empresarial a través da Rede Eusumo (683.000 euros); e de financiar os gastos de funcionamento das entidades da economía social (330.000 euros).

Aprol Economía Social

A primeira das liñas de axuda, convocada o pasado venres, 21 de xaneiro, o programa Aprol Economía Social, inclúe apoios directos ás cooperativas e sociedades laborais, grazas aos que se espera beneficiar a 120 cooperativas e sociedades laborais e incorporar uns 250 novos socios. O programa contempla dúas liñas compatibles entre si: a primeira, á que se destinarán 2,1 millóns de euros, persegue o fomento de emprego en cooperativas e sociedades laborais, para favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios. A segunda, cun investimento de case 1,7 millóns, promove o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social.

A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser muller ou maior de 45 anos ou a situación en contornas rurais.

Contratación en empresas de inserción laboral

A Xunta de Galicia apoiará, por outra banda a unhas 14 empresas de inserción laboral na contratación de 130 persoas en risco de exclusión social, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos. A convocatoria sairá publicada este mércores no DOG e inclúe como requisito que as entidades solicitantes deberán ter un 30% do cadro de persoal ocupado por estes perfís e a duración dos contratos deberá ser superior aos 6 meses con xornadas laborais por riba do 50%.

O programa da Xunta prevé o financiamento dos custos salariais cunha contía equivalente ao 100% do salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora en proceso de inserción contratada a xornada completa. Ademais, inclúe incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, para axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar o persoal técnico de orientación.

Rede Eusumo e gastos de entidades

A terceira das convocatorias que se activará este martes 25, destínase a apoiar a actividade das entidades da Rede Eusumo, creada en 2012 polo Goberno galego para impulsar iniciativas de economía social. Destinaranse en 2022 un total de 683.000 euros, un 7,7% máis que en 2021, coa previsión de beneficiar a preto de 50 entidades e a través das actividades que desenvolvan, a unhas 4.000 persoas.

Por último, a Xunta investirá 330.000 euros (+10% que en 2021) a sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas máis representativas do sector co obxecto de procurar un axeitado desenvolvemento destas estruturas e favorecer a súa consolidación.

Os apoios á economía social da Xunta ascenden a 5,8 millóns de euros