Inclúense tamén actuacións de asesoramento enerxético
Aberto o prazo de solicitude do programa 'Bono Enerxía Peme'
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, informou este mércores da apertura da convocatoria de axudas do programa 'Bono Enerxía Peme', que contan cun orzamento de 3 millóns de euros.
Pablo Fernández Vila, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicou as liñas xerais destas axudas, destinadas a pemes e autónomos do sector servizos, na súa visita á carnicería De Pueblo, que participou na última edición do programa.
A contía destas axudas está destinada á mellora das instalacións enerxéticas incluíndo actuacións de asesoramento enerxético profesional, mellora da envolvente, iluminación, instalacións eléctricas, equipamento, climatización e instalacións inmóticas co fin de mellorar a xestión enerxética.
A intensidade de axuda será do 80 %, ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. A axuda do bono de asesoramento enerxético non computa a efectos deste límite máximo. Ademais, os beneficiarios poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da axuda sen necesidade da presentación de avais.
Con este programa búscase contribuír a aumentar a seguridade das instalacións, mellorar o medio ambiente e proporcionar as ferramentas necesarias para avanzar na descarbonización.