Recibíronse 5.562 solicitudes, fronte as máis de 80.000 dos dous primeiros plans

O 50% dos fondos do terceiro plan de rescate quedarán sen entregar

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo un balance “decepcionante e preocupante” do 3º plan de rescate que a Xunta xestiona cos 234 millóns de euros procedentes do Estado e coas condicións “restritivas” que este impón para a entrega das axudas.

O 50% dos fondos do terceiro plan de rescate quedarán sen entregar
A conselleira María Jesús Lorenzana fixo balance do terceiro plan de rescate./X.CRESPO.
A conselleira María Jesús Lorenzana fixo balance do terceiro plan de rescate./X.CRESPO.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana informou de que a día de hoxe apenas se recibiron 5.562 solicitudes para optar as axudas do terceiro plan de rescate. “Na situación actual estamos a falar de que aproximadamente o 50% do orzamento asignado quedaría sen executar por non terse recibido un número suficiente de peticións”, remarcou. Neste sentido subliñou que nen tan sequera a prórroga habilitada pola Xunta para tentar de chegar a máis persoas puido evitar que o plan chegase ao punto de estancamento no que se atopa na actualidade. Nos dous meses e medio de prolongación do prazo que vence este 30 de setembro chegaron á Xunta algo máis de 1.300 solicitudes novas, unha media de 17 ao día.

O caráter excesivamente restritivo do Real Decreto co que o Goberno impuxo as condicións para acceder as axudas por valor de 234 millóns de fondos do Estado que corresponderon a Galicia, fai que o balance que fai do mesmo Lorenzana a día de hoxe sexa “decepcionante e preocupante”.

En rolda de prensa, a conselleira lembrou que co 1º e 2º plans activados pola Xunta con fondos autonómicos ocorreu “todo o contrario”. Nos dous primeiros plans de rescate a Xunta tramitou 80.000 axudas fronte as 5.562 do 3º dotados con fondos estatais, un 93% menos. Estas diferenzas aprécianse tamén por provincias. Tal e como debullou a conselleira, no caso da Coruña presentáronse ao 3º 2.010 solicitudes fronte as máis de 31.600 dos dous primeiros; na provincia de Lugo foron 734 fronte ás 10.228 dos rescates da Xunta; na de Ourense 650 fronte a 10.302; e na provincia de Pontevedra, 2.061 solicitudes a dous días de vencer o prazo do 3º plan de rescate fronte as 30.000 dos prececedentes.

Trabas

Lorenzana detallou que son dúas as principais trabas coas que se están a topar as persoas traballadoras autónomas e empresas galegas para acceder aos cartos: a obriga de destinar o importe total das axudas ao aboamento das débedas e, en segundo lugar, o límite das contías que no caso dos traballadores por conta propia que tributan por módulos quedan conxeladas nos 3.000 euros mentras as grandes firmas poden optar a contías moito maiores de ata 200.000 euros.

“É un plan pensado para as grandes empresas”, subliñou a conselleira, preocupada xa que a configuración empresarial galega determina que o 97% do tecido produtivo está integrado por autónomos e microempresas.

Lorenzana cre que as tres rectificacións do Real Decreto que regula as axudas do Goberno central, que xestionan as Comunidades Autónomas, teñen sido “insuficientes”. A última destas modificacións produciuse o pasado 15 de setembro “ante a presión social e política por parte dos gobernos autonómicos e organizacións sectoriais”, recalcou. Os cambios limitáronse a ampliar o prazo das débedas pendentes que se poden cubrir con cargo as axudas ( inicialmente as contraídas entre o 1 de marzo de 2020 ata o 31 de maio de 2021, agora ata o 30 de setembro de 2021) e, por outra banda, a permitir o emprego das axudas para compensar as perdas contables de sociedades.

“Exclúese unha vez máis aos autónomos que non teñen sociedades e, polo tanto, non poden acreditar perdas contables, imposibilitando que se poidan beneficiar desta rectificación”, criticou a titular de Emprego na Xunta.

Nova orde en outubro

Para tratar de evitar que a metade dos cartos do 3º plan de rescate queden sen executar, Lorenzana anunciou que na segunda quincena de outubro, unha vez rematado o prazo e tramitadas o 100% das solicitudes recibidas, a Xunta realizará unha nova convocatoria cos fondos sobrantes. Na mesma incorporaranse as últimas modificacións introducidas o 15 de setembro polo Goberno no Real Decreto. “Queremos seguir inxectandio recursos, sen condicionantes, que aporten liquidez aos negocios e contribúan á xeración de emprego”, insistiu a conselleira.

Para acadalo, o Goberno galego empregará toda a marxe de manobra que permitan os novos criterios co obxectivo de que Galicia non perda ningún recurso destinado ás súas empresas.

Nas próximas semanas celebraranse novas xuntanzas co Diálogo Social e a Mesa do Emprego Autónomo para atopar novas fórmulas interpretativas da normativa estatal que permitan sortear as trabas burocráticas, axilizar os trámites e facilitar o acceso ás axudas ao maior número de persoas beneficiarias.

Comentarios
O 50% dos fondos do terceiro plan de rescate quedarán sen entregar