As subvencións foron concedidas a nove concellos pontevedreses, 10 da provincia da Coruña, catro de Lugo e seis ourensáns

29 parques empresariais galegos reciben axudas para melloras en infraestruturas

A Xunta de Galicia informou da resolución das axudas para a mellora de parques empresariais que chegarán a un total de 29 concellos galegos, todos eles Concellos Emprendedores. En total investiranse máis de 2,6 millóns de euros.

29 parques empresariais galegos reciben axudas para melloras en infraestruturas
Un parque empresarial en desarrollo.
Un parque empresarial en desenvolvemento.

En Lugo foron beneficiarios os concellos de Castro de Rei, cunha axuda de 14.000 euros para o polígono de Castro de Ribeiras de Lea; o de Outeiro de Rei, que recibe 108.000 euros para mellora de viarios no seu parque empresarial, o de Sarria, que percibe unha axuda de 120.000 euros para infraestruturas viarias no polígono do Morelle; e O Saviñao, que obtén máis de 55.000 euros para acondicionamento do parque empresarial de O Peago.

Melloras en oito parques empresariais de Ourense

A liña de axudas tamén chegou a oito parques empresariais ubicados en seis municipios ourensáns. Así, o da Gudiña recibe máis de 93.000 euros para mellorar a súa rede de saneamento, e o de Trado, no concello de Pontedeva, máis de 86.000 euros para mellorar os seus accesos. No Concello de San Cibrao das Viñas o polígono de Barreiros obtén unha subvención de 41.000 euros para mellorar o firme dos seus viais, e o polígono de San Cibrao algo menos de 41.500 euros para a rede de videovixilancia. O Concello de Cea acada a subvención máxima (120.000 euros) para mellorar a infraestrutura viaria do seu parque empresarial e o de Vilamarín recibe dúas axudas de máis de 38.000 euros e preto de 31.000 para mellorar a xestión de residuos e a accesibilidade e seguridade, respectivamente. Finalmente, o Concello do Barco de Valdeorras actuará nas infraestruturas do polígono da Raña grazas a unha subvención de 120.000 euros. 

11 proxectos na provincia da Coruña

Na provincia da Coruña, resultaron beneficiarios o Concello de As Somozas, por importe de 110.000 euros, para actuacións de pavimentación no polígono do mesmo nome; e o de Boiro, con dúas axudas de 47.000 e 65.000 euros para melloras de iluminación e viarias no parque empresarial de Espiñeira. O Concello de Cabanas recibirá preto de 48.000 euros para mellorar os accesos ao parque de Vilar do Colo, e o de Coirós obtén 48.000 euros para un sistema contraincendios en Pedrapartida. A axuda para Fene supera os 98.000 euros e ten como obxectivo mellorar a accesibilidade no polígono de Vilar do Colo. En Noia, o polígono de Augalevada mellorará as súas infraestruturas viarias grazas a unha subvención de máis de 45.000 euros, en Oroso, actuarase en tres rúas do parque empresarial de Sigüeiro, cunha axuda de 120.000 euros. Os accesos á terceira fase do parque empresarial Tella, en Ponteceso, é outra das actuacións subvencionadas, con 26.000 euros, ao igual que o acceso sueste ao parque empresarial de Santa Comba, que recibe 67.000 euros. Finalmente, o Concello de Tordoia obtén algo máis de 6.000 euros para renovar o alumeado en Pedra Salgueira.

As axudas, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto -podían presentarse ata dúas solicitudes por concello-, están destinadas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.

9 axudas a polígonos pontevedreses

Por último, na provincia de Pontevedra as axudas chegan a nove municipios. No da Cañiza mellorarase o polígono de Uceira grazas a unha axuda de 22.500 euros. No da Lama, actuarase nos viais do polígono de Racelo grazas a unha achega de 41.600 euros. En Cambados, que obtivo 86.500 euros, dotarase de infraestruturas ao polígon de Sete Pías. Campo Lameiro recibe unha axuda de 41.000 euros para almacenamento de residuos no parque empresarial da Facha. En Meaño, a subvención ascende a 42.900 euros, para mellorar o saneamento da Pedreira. Salvaterra do Miño obtén 5.600 euros para actuar no acceso ao polígono de Chan da Ponte. En Sanxenxo instaralanse luminarias Led no polígono de Nantes, tras recibir a subvención máxima (120.000 euros). O Concello de Valga acada 41.500 euros para os accesos ao polígono de Campaña. E o Concello de Vila de Cruces foi o último beneficiario desta liña de axudas da Xunta con 120.000 euros para instalar unha depuradora de augas no polígono do Camballón. 

29 parques empresariais galegos reciben axudas para melloras en infraestruturas