Buscar
16:33h. Viernes, 25 de Mayo de 2018

ORGANIZA A ASOCIACIÓN DE MULLERES EMPRESARIAS DA PROVINCIA DE LUGO

Os Premios Son Muller 2018 recoñecerán o labor das empresarias e emprendedoras lucenses

A Asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo (AELU) convoca a primeira edición dos Premios Son Muller 2018, uns galardóns que poñen en valor o traballo que desenvolven as emprendedoras e empresarias lucenses.

Ana González Abelleira, Sonsoles López Izquierdo, Beatriz Varela Regueira e Óscar Salgado, na presentación dos premios Son Muller 2018./D.LUGO.
Ana González Abelleira, Sonsoles López Izquierdo, Beatriz Varela Regueira e Óscar Salgado, na presentación dos premios Son Muller 2018./D.LUGO.

Os galardóns foron presentados este mércores pola deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, a concelleira de Benestar Social de Lugo, Ana González Abelleira, a presidenta da Asociación de mulleres empresarias da provincia de Lugo (AELU), Beatriz Varela Regueira, e o representantes de Abanca, Óscar Salgado. 

Esta I edición dos Premios Son Muller que organiza AELU e patrocinan os Gobernos provincial e local cunha achega económica de 4.600 euros, ten como obxectivo promover e potenciar a participación da muller no entorno económico e social lucense. Este certame está destinado a emprendedoras e empresarias da provincia de Lugo, que teñan o seu domicilio social e fiscal como empresa na provincia e estean dadas de alta como autónoma ou ser parte dunha sociedade empresarial. No caso de concorrer como empresa e esta conte con máis dun socio será necesario que polo menos o 51% do capital social o ostenten mulleres. Ademais todas as participantes deberán estar ao día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

As empresarias e emprendedoras lucenses interesadas en participar nos Premios Son Muller poden inscribirse en www.empresariaslugo.org ata o 1 de marzo. 

Os Premios Son Muller contarán con tres categorías: empresaria rural, para proxectos de mulleres en concellos rurais baseados en actividades agrarias e complementarias, agroalimentarias, turísticas, industriais; empresaria, con actividade dende hai máis de 42 meses; e emprendedora: proxectos empresariais non superiores aos 42 meses. 

Os galardóns consisten, para o primeiro premio nas categorías Son Empresaria rural, Son Empresaria e Son Emprendedora, 1.000 euros, máis un ano de cota gratuíta como asociada da AELU e un xogo de Matrioskiñas galegas, elaborado por artesás lucenses e deseñado especialmente para o premio. O segundo premio en cada unha das tres categorías galardoarase cun ano de cota gratuíta como asociada da AELU e n xogo de Matrioskiñas galegas.

A entrega de premios ás gañadoras desta primeira edición terá lugar nun acto, o 8 de marzo, ás 20:30 horas no Vello Cárcere, na que se realizará un recoñecemento especial á longa traxectoria empresarial e profesional dunha muller referente na provincia de Lugo.

AELU

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro de carácter multisectorial fundada no ano 1988 e que representa os intereses de máis de 150 empresas integradas, sendo o perfil das mulleres asociadas o de propietarias, copropietarias, socias e accionistas que exercen activamente a función directiva dentro da empresa, mulleres que desempeñen as xerencias das empresas ou cargos directivos de responsabilidade e mulleres incluídas en réximes especiais de Seguridade Social.