Buscar
00:02h. Sábado, 21 de Julio de 2018

CASE 400 FIRMAS DANSE CITA ATA O SÁBADO NO RECINTO FEIRAL DE SILLEDA

Cimag-GandAgro, unha completa proposta para todo tipo de profesionais do sector primario

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, inauguraron este xoves a Feira profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería Abanca Cimag-GandAgro, que representa un dos eventos máis importantes que se están a impulsar dende o recinto feiral da Fundación Semana Verde, como certame paradigmático do medio rural, pero tamén da innovación e da aposta pola profesionalización.

Inauguración da Feira Cimag-GandAgro en Silleda.
Inauguración da Feira Cimag-GandAgro en Silleda.

Cimag-GandAgro, con case 400 firmas expositoras de 24 países, trátase dun certame único no noroeste peninsular ao aglutinar na mesma cita todo o relacionado co sector agrogandeiro, o que supón facer unha proposta completa para todo tipo de profesionais do sector primario, onde tanto gandeiros como agricultores galegos teñen á súa disposición estes días en Silleda un punto de encontro para compartir experiencias, ideas e modelos, e coñecer os últimos avances técnicos do sector, asistindo a mostras, presentacións, reunións ou conferencias.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, cualificou esta feira Abanca Cimag-Gandagro como unha “cita imprescindible do sector” e amosou a súa confianza en que consiga en pouco tempo a consideración de certame de carácter internacional. Ademais, destacou que as feiras sectoriais están a rexurdir tras un período de dificultades pola situación económica e a puxanza das novas tecnoloxías e a comunicación dixital. Neste sentido, mostrou o seu convencemento de que “as ferramentas que nos proporcionan as novas tecnoloxías nunca van suplir o contacto directo e persoal” que fan posible este tipo de citas.