Son 140 kW de potencia en total

E.nova Enerxía instala plantas fotovoltaicas en dous supermercados Gadis

Gadis aposta polo autoconsumo renovábel nos seus supermercado de Arteixo e Bertamiráns (Ames) grazas a senllas plantas fotovoltaicas que a enerxética galega E.nova Enerxía instalou nas súas cubertas. 

E.nova Enerxía instala plantas fotovoltaicas en dous supermercados Gadis
Placas solares na cuberta do supemercado Gadis de Arteixo.
Placas solares na cuberta do supemercado Gadis de Arteixo.

No caso do novo supermercado de Gadis no municipio coruñés de Ames, que recentemente abriu ao público, a planta fotovoltaica consta 40 kW de potencia. Deste xeito, parte das necesidades de consumo eléctrico deste novo supermercado cóbrense dende a enerxía xerada.

Pola súa banda, a superficie comercial de Gadis en Arteixo dispón dende o pasado verán na súa cuberta dun conxunto de placas solares que constitúen unha planta de 100 kW de potencia. Parte do consumo eléctrico deste supermercado Gadis cóbrese dende a enerxía xerada, que na súa totalidade repercute no local sen verter parte da súa produción á rede xeral. En total, 224 módulos fotovoltaicos constitúen a planta de Gadis Arteixo. Os paneis distribúense sobre a cuberta cun sistema de aluminio lastrado, o cal permite que se sitúen cunha inclinación de entre 10 e 15 graos. Esta posición facilita a captación da radiación solar e aumenta a eficiencia do proceso de xeración enerxética.

Con estas dúas plantas instaladas por E.nova Enerxía, Gadis aposta por unha banda polo autoconsumo nun contexto de grandes tensións no mercado eléctrico e, pola outra, polas enerxías renovables dentro do proceso colectivo cara á descarbonización que se está a desenvolver para facer fronte aos desafíos da urxencia climática.

A instalación destas plantas fotovoltaicas contou co apoio do Inega da Xunta de Galicia e financiamento de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea.

E.nova Enerxía

E.nova Enerxía é unha enerxética con capital e asentamento galego. Radicada en Santiago, a entidade naceu en 2014 e está especializada no mercado enerxético, na comercialización e nas enerxías renovables. O asesoramento continuado dos seus clientes, as auditorías enerxéticas, a optimización dos eixos do consumo, as instalacións de plantas fotovoltaicas e a promoción de comunidades de enerxía renovábel son algúns dos seus ámbitos de actuación.    

E.nova Enerxía instala plantas fotovoltaicas en dous supermercados Gadis